Un río poboado de tebras

Moncho Paz

Alén da Terra Chá, flúen as augas do río Mandeo, que atravesa a provincia de A Coruña percorrendo os concellos de Sobrado dos Monxes, Aranga, Curtis, Irixoa, Coirós, Paderne e Betanzos, cunha lonxitude de máis de cincoenta quilómetros. Por algo é o segundo río en importancia das Rías Altas, por detrás do Eume.

Nesta prolongación da Chaira que chega até a costa da Sal, nestas terras atravesadas polo Mandeo, atopamos unhas fermosas paisaxes que, paradoxalmente, están poboadas de tebras. Sobre todo para os maiores que aínda lembran as historias da guerra: “Corría auga vermella”, soen dicir para referirse ao sangue de ducias de republicanos que ficaron sepultos no lugar.

Dende hai varios meses diversas asociacións da zona decidiron penetrar nas brétemas do Mandeo. Esta iniciativa naceu da confluencia de camiños distintos, emprendidos polas asociacións de Aranga e de Guitiriz, en estreita colaboración coa Asociación da Memoria Histórica de A Coruña. Até o dia de hoxe mantiveron varias xuntanzas con historiadores e seguen dando pasos para facer un traballo de investigación riguroso.

“Queremos converter ao Mandeo nun río de vida, de enerxía, de luz... fronte á escuridade doutros tempos”, apunta Alfonso Blanco Torrado, presidente da Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz e crego da parroquia de Santa Mariña de Lagostelle. Este home, que sempre se caracterizou pola súa coherencia e o seu compromiso, é consciente de que non se pode ollar durante mais tempo cara outro lado, “como si non quixéramos enterarnos”. Esta foi unha actitude moi presente dende o final da guerra. Por medo.

“Estabamos a traballar todos na mesma liña e atopámonos”, recoñece Alfonso Blanco. De feito, Xermolos leva anos acudindo en actos deste tipo. “Nunca concebimos esta actividade sós”, engade. Os membros desta Asociación, que acaba de cumplir trinta anos, estiveron presentes en homenaxes a Benigno Andrade, Foucellas, en Curtis, e cada mes de agosto tamén no acto en lembranza de Camilo Díaz Baliño –o pai de Isaac Díaz Pardo- que foi asesinado nas cunetas a noite do 13 ao 14 de agosto de 1936 en Coence (A Coruña).

Unha das fosas coincide no camposanto de Aranga. A de Vilaraso, ao carón da Igrexa. Segundo manifestan os máis vellos do lugar, moitos corpos foron trasladados ata alí en camións; díse que foron soterrados cunha botella que tiña papeis no seu interior, posiblemente con datos identificativos. No caso de que así sexa, este feito aportaría moita luz á investigación.

Pero hai outras fosas, como a do adro de Fervenzas e a de Santa Mariña de Lagostelle. Para abrilas é necesario que as familias o soliciten. Por este motivo, as asociacións promotoras da iniciativa están a realizar unha campaña de sensibilización, á que hoxe se engade A Voz de Vilalba.

Alfonso Blanco recibiu hai uns días a chamada telefónica dunha profesora natural de Becerreá interesándose pola cuestión das fosas, pois pensa que o seu tío –asasinado en Láncara cando contaba 17 anos xunto ao alcalde republicano de Becerreá- está nunha fosa na zona.

Moitos dos que ainda están nas fosas comúns foron traídos en camións e a outros os paseaban directamente. “Aínda que a Administración vaia máis lenta, as persoas con dignidade temos que recuperar o pasado”. A memoria vai facer xustiza..

Ademais dos Pactos da Moncloa, a transición española trouxo un inxusto pacto de silencio. Un silencio que agora cómpre rachar dunha vez por todas. Unha das cousas importantes de todo isto é que as vindeiras xeracións coñezan o que aconteceu realmente. “Iso pode doer e abrir feridas, pero é o único xeito de que cicatricen para sempre”, engade Alfonso Blanco con rotundidade.

03/06/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión