A AELG lerá o vindeiro venres un comunicado na Alameda de Compostela

Redacción

Ante o que a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) considera a creba do proceso de restitución á normalidade do noso idioma impulsada polo actual goberno galego, que obvia así o espírito do Estatuto que lle dá sentido e tras pulsar o sentir dos seus asociacidos, promoveu a creación dun comunicado que será lido en acto público o vindeiro 24 de xullo, ás 17,00 horas, diante da estatua de Rosalía de Castro situada na Alameda de Santiago de Compostela.

A AELG prega a asistencia a este acto, co que se pretende transmitir á sociedade que os seus escritores e escritoras asumen plenamente a responsabilidade que lles foi transmitida dende o Rexurdimento, e que traballan e loitan a cotío por normalizar e engrandecer un sistema literario nacido dunha lingua e dunha cultura propias, patrimonio tamén da humanidade.

O texto do comunicado é o seguinte:

Manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega

¡Que a man tembrosa no papel só escriba
palabras, e palabras e palabras!

Señora e nai nutricia da palabra galega, vimos aquí os que por única ofrenda temos a palabra, para nos acoller na túa mirada xenerosa, aquela que alimenta o noso espírito e pon na nosa voz a verba xusta: a que berra, e protesta, e rebélase, e clama, e chía, e brada, e balborda, mais sen se laiar nin queixar, sen implorar nin pedir nin rogar porque de ti, da túa estirpe, herdamos e aprendemos o azo de nos revirar.

Porque revirados estamos contra unha xenreira que naceu en pechos corazóns contra a palabra de noso. Un odio que ameaza con derrubar o edificio que os séculos ergueron para acubillármonos como pobo e como xente.

Desde a AELG insistimos na importancia que, na Galiza, tivo e ten a literatura. Porque a nosa non é unha literatura xurdida da espontaneidade creativa, das vontades particulares de se expresaren por escrito xentes de pluma feliz: a nosa literatura é, ante todo, unha declaración de intencións. A nosa cultura é unha creación colectiva do pobo, unha ferramenta útil creada por labregos e mariñeiros, por costureiras e boticarios, nas aldeas e nas vilas, unha cultura que logo foi perseguida e condenada a ser identificada e estigmatizada, xunto á lingua que a nomea, como exclusiva das clases desfavorecidas, coa intención de a facer desaparecer definitivamente, e canda ela, o pobo noso e mais a identidade singular que representa.

Rosalía de Castro primeiro, e todos os escritores e as escritoras que despois dela ousaron reivindicar esta lingua minorizada e desprezada polo poder, elixiron asumir como propia unha identidade colectiva e ver nela a nación soñada. No noso caso, como é común nas nacións sometidas, a escrita fixo o pobo. Non só estamos hoxe a defender a lingua dos nosos maiores e o dereito a conservarmos a herdanza do pasado; estamos a defender a lingua para contribuírmos co noso oficio a que no futuro Galiza sexa.

¡Odio, fillo do inferno!,
pode acaba-lo amor, mas ti n’acabas,
mamoria que recórda-las ofensas.
Si, si, ¡de ti mal haia!
Ler o comunicado íntegro aquí

21 de xul. de 2009

2 comentários :

  • Coido que pola banda das persoas galegófilas NUNCA foi apropiadamente enxergado o problema. De aí que tampouco houbera nunca unha estratexia consciente e eficiente ó respecto. Nunca se foi capaz de superar a fase desiderativa dos manifestos, nunca se soubo con precisión nin o que se quería nin o como se podía conquerir.

    Así e todo, pénsovos que hai camiño para sermos o que somos!

    Ó meu entender, e dentro da política cultural e mais do actual marco xurídico político de soberanía ESPAÑOLA sobre A Galiza, a política e praxe lingüística que as persoas galegófilas debemos esixir e practicar para A Galiza vai cima da seguinte trepia:

    1º pé.

    Cumprimento rigoroso do ordenamento xurídico vixente e aplicábel (empezando polos xulgadores!): na Galiza na súa lingua ESPAÑOLA oficial propia do territorio coma en Castela na súa coma en ... na súa (arts. 1, 9 e 14 CE); sen prexuízo de usarmos linguas alleas con quen lexitimamente aínda descoñeza a territorial propia (desarraigamento ou por motivos igualmente especiais: docendi causa, iocandi causa, ... ).

    Isto significa v. g. que o TC use o galego para comunicarse oficialmente cos suxeitos de dereito da Galiza (DD Constitución, lingua de destino).

    2º pé.

    Bilingüismo necesario: lingua propia do territorio de uso xeral ou hexemónico e mais unha outra acordada polas comunidades lingüísticas do planeta como interlingua, lingua ponte ou lingua antidiscriminatoria que permita a comunicación lingüística directa de calquera membro de calquera comunidade lingüística con calquera outro de outra calquera e, conseguintemente, a integración lingüística de calquera en calquera outra comunidade do mundo.

    A interlingua substituiría o castelán como lingua oficial en todo o territorio do Estado, sería cooficial coas linguas propias do territorio e terían dereito a usala os que lexitimamente aínda descoñecesen a propia do territorio.

    3º pé.

    Harmonización gráfica ou escrita co galego normalizado de fóra da Galiza española.

    O primeiro pé da trepia esixe:

    1 Un servizo de balde de asesoramento sobre o uso correcto da lingua galega que considere igualmente correcto tanto os actuais criterios da RAG coma os doutras institucións análogas para o galego de fóra da Galiza.

    2 Outro servizo, tamén de balde, de asesoramento iuslingüístico, representación e defensa xurisdicionais dos dereitos lingüísticos.

    3 Accións compatíbeis do resto de entidades públicas, privadas e particulares.

    O segundo:

    1 Accións na Galiza, no Estado e mais no eido internacional, nomeadamente coas outras comunidades lingüísticas.

    2 Accións compatíbeis do resto de entidades públicas, privadas e particulares.

    E, o terceiro pé da trepia:

    1 Accións das autoridades lingüísticas da Galiza española coas análogas do galego de fóra.

    2 Accións compatíbeis do resto de entidades públicas, privadas e particulares.

    Non vos é que queiramos galego, máis ou menos galego, sempre ou por voltas: é que SOMOS GALEGO!!!

    LOIS DE SILÁN

    00:36 do 22 de xullo de 2009

  • evidentemente somos GALEGOS,e namentres iso nom se restitúa nas nosas mentes,e na práctica decote,iremos ficando sós,morrendo de a muito ou de a poucos...exactamente.

    19:20 do 22 de xullo de 2009

Danos a túa opinión