Crise e acción de goberno


Moncho Paz

Segundo se reflicte en varios estudos realizados recentemente por consultoras especializadas, máis da metade dos directivos das empresas españolas pensan que a recuperación da crise económica comezará a partir de 2010.

A cotío estamos afeitos a escoitar a expresión “coa que está caendo”, que leva asociada unha actitude pesimista ante o panorama actual. Non é de estrañar, dado que sectores como o da construcción seguen lonxe de divisar esa recuperación. Especialmente en Galicia, onde a licitación de obra pública caeu de xeito alarmante dende comezos de ano. O proceso electoral e o cambio de Goberno autonómico tampouco axudaron, debido ás modificacións na estrutura orgánica da Xunta e ao xiro na liña política do Executivo. A primeira consecuencia é un maior parón administrativo, como se pode comprobar consultando as páxinas do DOG: dende Semana Santa case non se convocaron concursos públicos nas distintas consellerías. Ante a proximidade das vacacións estivais, todo parece indicar que as licitacións comezarán a publicarse na fronteira do outono.

O vindeiro 21 de xullo cúmprense cen días da celebración do primeiro Consello da Xunta presidido por Feijóo. Revisando as iniciativas emprendidas por cada departamento durante este tempo, apenas se aprecia acción de goberno por parte da sociedade. As mensaxes non chegan, quizais polo baixo perfil político dos conselleiros. Basta con preguntar polas rúas das principais poboacións de Galicia a calquera cidadán que pase. Algunhas das respostas son: “parece que van vender o Audi de Touriño”, “non entendo que queren facer co galego na escola”, “xa me enterei que o presidente da Xunta estivo en Madrid con ZP e Pepe Blanco”, “vin a Feijóo un par de veces na tele” (posiblemente en referencia ás entrevistas que mantivo con Buenafuente e con J.R. Lucas). Pola súa banda, o balance da oposición tampouco é para tirar foguetes.

Os datos do financiamento autonómico para a nosa comunidade e a revisión á baixa das previsións para o Estado español pronosticada polo FMI son dúas novas mal acollidas polos empresarios e que non favorecen os estados de ánimo positivos. A patronal segue a falar de reforma laboral e abaratamento do despedimento. Nas situacións de crise nunca se gana, sempre se perde; pero polo menos apréndese. As empresas intelixentes están a reorientar os seus modelos de negocio, coa finalidade de facer máis con menos recursos.

10 de xul. de 2009

1 comentários :

  • O proxecto político de Feijóo é evidente que non o tiña, nin contaban con gañar, os seu sistema para loitar contra a crisis, non pasou de puras anécdotas.
    E o Bipartito, outro tanto, non contaban con perder e non poideron demostrar nada, agás que até eles a cousa funcionaba cando menos, máis resolutiva.De momento Feijóo esta a falar cós Poderes Fácticos e véselle pouco na TV, a excepción de Buenafuente e Lucas.
    Non creo que queira dar moitas explicacións aos Galegos e votantes seus.Polo menos de momento.

    FENDETESTAS

    18:57 do 13 de xullo de 2009

Danos a túa opinión