Festival de Ortigueira 100 % celta

Redacción

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo; o alcalde de Ortigueira, Rafael Girón, o director-xerente da S.A de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, e máis o coordinador do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, Alberto Balboa, presentaron onte en Compostela, a programación da 25 edición do veterano certame de música celta.

Respaldados por representantes doutras entidades patrocinadoras como Estrella Galicia e Deputación da Coruña, descubriron os principais reclamos dun cartel, que inclúe preto de vinte concertos gratuítos e que reforza o carácter intercéltico do evento.

Ortigueira ultima os preparativos de cara á celebración do certame máis concorrido do verán galego. Na localidade coruñesa, segundo o seu rexedor, xa está todo a punto para acoller aos milleiros de persoas de todo o mundo que se achegarán entre o 9 e o 12 de xullo para gozar "da mellor festa de Europa".

Serán catro días nos que, tal e como subliñou Rafael Girón, a pequena vila, de pouco máis de 7.000 veciños, converterase de novo nun espazo multicultural único, e multiplicará a sua poboación. Adiantou o mandatario local que as previsións pasan por superar os 90.000 asistentes do pasado ano.

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, explicou o éxito do festival levouno a ser declarado en 2005 Festa de Interese Turístico Internacional despois de obter dous anos antes a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional. Deste xeito equipárase á categoría de festas como as Fallas de Valencia, os Carnavais de Tenerife, os Sanfermíns ou a Feira de Abril de Sevilla".

Carmen Pardo engadiu "agardamos que a celebración do festival sexa un éxito para todos e constitúa un reclamo turístico máis para Galicia e o mellor dos escaparates para promocionar o vindeiro Xacobeo 2010".

No plano artístico, o coordinador do certame explicou que a oferta do Festival aposta pola "volta ás orixes musicais" do encontro. É dicir, tras anos de apertura a músicas de raíz non puramente celtas, a programación de concertos volve centrarse, apenas sen concesións, nos sons atlánticos.
Nesta liña, enmárcase, segundo explica Balboa, a presencia no Escenario Estrella Galicia de formacións como a irlandesa Michael Mcgoldrick band, a histórica Battlefield band ou a tamén escocesa Wolfstone que, coa a súa mestura de música tradicional e rock duro, é, sen dúbida, o grupo máis esperado polos afeccionados. Completa a contundente "delegación" de Escocia, o gaiteiro Fred Morrison, que ofrecerá un concerto na Praza de Isabel II.

En paralelo, o outro píar da programación constitúeno os artistas galegos. Neste sentido, Ortigueira servirá, como sempre, de plataforma de promoción internacional para os nosos músicos. En cartel, a estrea do novo álbum da gaiteira Susana Seivane, a prosposta de world music do gaiteiro máis anovador, Xosé Manuel Budiño, e o debut do grupo Arán e o seu folk galego e irlandés a partes iguais. Finalmente, reservará tamén espazo para a promoción dos grupo noveis, a través do "Proxecto Runas".

O certame, cun orzamento de 600.000 euros, completa a súa oferta lúdica cun amplo abano de actividades paralelas, organizadas nesta ocasión, coa colaboración da Escola de Gaitas de Ortigueira, agrupación fundadora do festival en 1978. Artesanía, unha exposición fotográfica sobre a historia do evento, obradoiros de folclore galego, con mestres de excepción como Mercedes Peón, ou pasarrúas consolidan o carácter multidisciplinar do evento.

O alcalde de Ortigueira, invitou a todos os mozos a vivir a xoldra do Festival e o ambiente único da acampada no piñeiral da praia de Morouzos e subliñou o esforzo realizado en materia de servizos e infraestruturas para favorecer, na medida do posible, a comodidade dos visitantes.

Para rematar, referiuse á "vocación de futuro" que ten a alianza co Xacobeo para a organización deste "Festival do Mundo Celta" e quixo agradecer o apoio prestado por patrocinadores e colaboradores neste período, marcado pola complicada coxuntura económica. "Grazas á súa axuda -manisfestou Girón- podemos conservar os sinas de identidade do Festival: máxima calidade musical e, por suposto, a total gratuidade".

Visite a web do Festival.

2 de xul. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión