Galego. Patrimonio da Humanidade

Fermín Bouza

Un aluvión cívico está tras o mínimo e claro manifesto que comeza a circular en Galicia e do que pronto iremos tendo noticias. Xa se vai coñecendo amplamente entre outros lugares (e ciberlugares) . Poden adherirse a el e facer comentarios en http://galegopatrimoniodahumanidade.blogaliza.org/. Así imos ofrecendo calor cidadá á nosa lingua e imos construíndo unha resistencia ao seu desprazamento da vida social por xentes "non santas", resistencia que vai ser permanente e que se funda no valor democrático da liberdade e a igualdade. Desde Madrid vai a miña solidariedade blogueira e a de miles de galegos da diáspora:

GALEGO. PATRIMONIO DA HUMANIDADE

Ata hai pouco tempo era un valor compartido, que formaba parte dos consensos básicos sobre os que se articulaba o autogoberno de Galicia, que o idioma galego era merecente dunha especial protección por parte dos poderes públicos. Ese valor partía da subordinación histórica dun idioma que foi sempre o das maiorías populares pero que tamén estivo sempre discriminado ou proscrito, salvo nos períodos en que Galicia e España gozaron da democracia. A liberdade e o dereito ao uso do idioma propio foron historicamente da man.

A pretensión de facer crer nunha inexistente imposición lingüística disimula o intento de liquidación do idioma galego e de supremacía do castelán. Os que tal sosteñen queren evitar a presenza do galego nas súas vidas para pecharse en ámbitos en que o castelán sexa o único idioma. Pero Galicia é unha sociedade na que se falan dúas linguas que, non se pode negar, están en situación de desigualdade, polo que o galego debe recibir unha especial protección. Só así se poderá afirmar que se actúa en xustiza e na procura da igualdade entre os dous idiomas.

Esa é a letra e o espírito da Constitución, do Estatuto de Autonomía, e da vixente Lei de Normalización Lingüística. As sentenzas do Tribunal Constitucional así o confirman. Sen embargo, o PP saíu do consenso. Pero gañar unhas eleccións non autoriza a destruír o que é unha das bases da convivencia na nosa sociedade e un dos signos da nosa existencia como país.

A sociedade galega que sente aprecio cara a súa lingua –independentemente de cal sexa o idioma no que se expresa usualmente– debe reclamar unha volta do PP a un terreo común, así como mostrar o seu acordo coas políticas de afirmación positiva para o idioma galego, que o propio PP impulsou desde a Xunta, e que non buscan senón a súa protección. O idioma de Galicia é un patrimonio da humanidade que debemos custodiar e garantir como medio de comunicación e de creación.

3 de xul. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión