Galicia nos contextos globais

Redacción

Máis de douscentos participantes intervirán no IX Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), que terá lugar do 13 ao 17 de xullo en Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña. Convocado baixo o epígrafe “Galiza nos contextos globais: perspectivas para o século XXI”, o congreso conta coa activa colaboración das tres universidades galegas e do Consello da Cultura Galega, onde hoxe foi presentado o programa nun acto que contou coa participación de Ramón Villares, Presidente da institución e do titular da AIEG, Burghard Baltrusch.

É a primeira vez que a AIEG celebra un congreso en Galicia desde que se puxo en marcha no comezo da década dos anos 80 do pasado século e convocou a súa primeira xuntanza na Universidade de Maine (EE.UU.). Nacida baixo o impulso de galaicistas nos Estados Unidos, a AIEG viuse reforzada notablemente na década dos 90 coa creación e expansión dos Centros de Estudos Galegos e os correspondentes lectorados galegos, co patrocinio e financiamento da Xunta de Galicia.

O programa do IX congreso da AIEG, explicou o seu presidente Burghard Baltrusch, ofrece 27 mesas redondas, nas que intervirán 130 relatores) e 79 relatorios individuais. A metade dos participantes veñen de fóra. 20 proceden dos Estados Unidos, 16 do Brasil e outros grupos de Gran Bretaña, Rusia, Italia e Alemaña, entre outros países.

A conferencia inaugural, o día 13 de xullo ás 12 horas, no Salón Nobre do Palacio de Fonseca, en Santiago de Compostela, corresponderá a John Rutherford (Universidade de Oxford), que falará sobre “Os estudos galegos nos contextos globais”.

A de clausura, o día 17 de xullo ás 16´30 horas, na Reitoría da Universidade da Coruña, estará ao cargo de Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Glaega, que se referirá a “Ramón Piñeiro e a cultura galega no exterior”.

Ademais das tres universidades e o Consello da Cultura Galega, colaboran neste congreso os concellos de Santiago, Vigo e A Coruña, a Consellería de Cultura, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e tamén a Real Academia Galega, o Instituto da Lingua Galega e a Asociación de Escritores en Lingua Galega.

<>A información detallada do programa do congreso pode verse en:
www.estudosgalegos.org

5 de xul. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión