IX Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos

Redacción

Hoxe o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, será o encargado de pronunciar a conferencia plenaria de clausura no Paraninfo da Universidade da Coruña, titulada “Ramón Piñeiro e a cultura galega no exterior”. O acto terá lugar a partir das 16:30 horas.

A continuación Villares participará no acto de clausura, no que tamén está prevista a presenza de José María Barja, reitor da Universidade da Coruña; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, e María Xosé Bravo, concelleira de Cultura da Coruña, así como o presidente da AIEG.

O Consello da Cultura Galega participou neste IX Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), celebrado do 13 ata hoxe 17 de xullo en Santiago, Vigo e A Coruña, coa organización de tres mesas redondas nas que se analizou desde distintas perspectivas a difusión exterior de Galicia e da súa cultura.

A primeira desas mesas redondas tivo lugar o pasado martes, 14 de xullo, de 11 a 13 horas no salón de actos da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela. Coordinada por Ramón Villares, tratou sobre “A imaxe dos galegos no exterior” e nela participaron María Rosa Lojo, Elías Torres Feijó e Jean-François Botrel. Analizar a percepción no que respecta á construción do denominado imaxinario social galego no exterior foi o obxectivo principal desta mesa redonda. Con este motivo os diferentes partipantes espuxeron a súa perspectiva principalmente dende o punto de vista literario e en marcos xeográficos distintos.

O xoves, 16 de xullo, o Consello organizou a mesa redonda “Internet como plataforma de creación e difusión da cultura galega”, que estivo coordinada por Manuel Gago. Celebrouse a partir das once do mediodía na Facultade de Filosofía da USC e Juan Freire, Estíbaliz Espinosa, Chiu Longina e Xosé Pereira foron os intervintes. Neste debate explorouse en que medida a rede está a ser un espazo de creación e difusión para a nosa cultura e cara a onde imos na creación dunha cultura dixital(izada).

17/07/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión