O blues de John Scofield

Mario Paz González

A calquera que o vexa saír ao escenario pareceralle alguén normal, talvez un oficinista máis de vacacións, vestindo con indolente elegancia o seu calzado deportivo e unha camisa que tira a frouxa, que cae con aparente descoido por fóra dun cómodo pantalón estival. Ao fixarse máis, alguén con sentido da observación poderá percibir certa singularidade na súa expresión, nesa mirada dun azul profundo e oceánico. De non coñecelo, de non ter información previa sobre el, de non avalalo a súa ampla traxectoria e ese xeito único co que comeza a tocar os primeiros acordes, poucos poderán percatarse de que ese home de aparencia anódina que, en realidade, semellaría saído doutra época, quizáis un cabaleiro sureño (aínda que nacera ben lonxe do Sur, en Dayton, Ohio, en 1951), é un dos mellores guitarristas de jazz vivos: John Scofield.

O disco que, na súa xira por Europa, presenta o 23 de xullo na XVII edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, “Piety Street”, non é, en realidade, un álbum de jazz ao uso. No seu interior o propio autor, cuxo eclecticismo musical fíxolle acadar un xeito un tanto modesto aínda que indubidable de éxito, confesa que o seu desexo inicial consistía en gravar en Nova Orleans un disco de rythm & blues, pero que, unha vez alí preferíu facelo dun xeito pouco usual, recreando vellos temas de gospel.

O resultado é dunha contundencia abafadora. O son certeiro e áspero da súa guitarra ilustra á perfección unhas cancións que, non por coñecidas, resultan agora menos novas e cuxa letra ten algo de queixa ou de chamada primitiva, pero sobre todo de canto espiritual, de esperanza ou de invocación cara a unha divinidade na que non é necesario crer para sentirse conmovido coa mensaxe (“But I like the message” titúlase un dos dous temas asinados polo propio Scofield).

Se nas gravacións orixinais de Mahalia Jackson, o Golden Gate Quartet, Hank Williams, Dorothy Love Coates ou o reverendo James Cleveland as voces semellaban brotar dos máis fondos recunchos da alma cando entoaban aquelas melodías cargadas de dozura e expresividade, nas versións que delas realizan Scofield e a Piety Street Band os mesmos temas son recreados coa nitidez metálica e a contundencia propia do rythm & blues. As vellas modulacións que, polo seu feiticeiro ritmo de salmo, semellarían hoxe desencaixadas no tempo, resucitan na voz impoñente e ben temperada de John Cleary resoando agora cunha actualidade esquecida e intensificada. Xunto a elas, as cordas da guitarra vibran cunha forza inusual, cunha reverberación arrepiante, coma se, ao ouvilas, se suspendese o curso do tempo.

Escoitados en directo, o jazz, o blues, o gospel… teñen algo de experiencia adulta, incomparable con calquera outro estilo dentro da música popular moderna, quizáis pola íntima compenetración que se establece entre os músicos e o seu público. Por outra banda, as letras das súas cancións sitúanse a medio camiño entre o himno apocalíptico e a experiencia sublime. Moitas delas foron escritas nun tempo, desgraciadamente non tan afastado, no que os seus autores, moitos deles anónimos, vivían unha vida de vexación e catividade, o que fai que reflictan con crúa sinceridade o desexo dun futuro mellor ou dunha salvación, polo menos no eido espiritual, que virá restaurar a liberdade abolida. Tamén, quizais por iso mesmo, revélannos dun xeito moi preciso o valor da música como exorcismo, o mesmo que aqueles cánticos dos presos de cor encadeados entonando o “Po’ Lazarus”, recollidos en 1959 polo musicólogo Alan Lomax.

Tamén no caso de John Scofield, a súa música é, sen dúbida, algo que nos chega dalgún lugar descoñecido para encher as nosas vidas, para transportarnos, para evadirnos. Un verdadeiro agasallo.

mariopaz@avozdevilalba.com

Imaxe: MXM

22/07/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión