O libro galego a Bolonia

Redacción

O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López Barxas, na súa primeira toma de contacto co sector, comprometeuse a colaborar na elaboración do Catálogo Anual de libros infantís e xuvenís galegos, co fin de ser presentados na Feira Infantil de Bolonia (Italia) en marzo do 2010, a máis importante do mundo do sector das letras infantís.

Francisco López Barxas, subliñou a importancia desta feira por ser o foro "onde proxectamos ao mundo a nosa creación, e constitúe unha importante oportunidade para a difusión das obras de literatura infantil e xuvenil das diferentes editoriais galegas". Neste sentido, a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura implicarase na participación nas diferentes Feiras Internacionais do Libro Infantil e Xuvenil.

A Consellería de Cultura e Turismo traballará con GÁLIX para garantir a promoción "da mellor produción de literatura infantil e xuvenil galega" na prestixiosa Biblioteca da Xuventude de Múnic (Alemaña). O ano pasado, Galicia logrou aportar tres libros a este arquivo, converténdose nunha das Comunidades Autónomas con máis obras seleccionadas para formar parte desta biblioteca, referencia internacional no eido dos libros infantís e xuvenís.

Estudarase, ademais, a posibilidade de organizar unha semana do Libro Infantil e Xuvenil no exterior, actividade que se enmarcará dentro da programación da Consellería de Cultura e Turismo no 2010, que será declarado Ano da Lectura. Nesta liña, darase especial relevancia ó 2 de abril como día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, co fin de potenciar a promoción das obras galegas entre o público máis novo.

13/07/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión