Ollo coas Caixas!!


Antón Baamonde

Hai que insistir: o financiamento dos concellos, da propia Xunta ten un dos seus principais puntos de apoio nas Caixas. Así sucede tamén co tecido productivo propio. A obra social ten tamén certa importancia. As Caixas son, pola súa natureza, entidades financeiras que serven de apoio á industria galega, ás administracións públicas e son o que temos de máis parecido a un instituto público de crédito que sosteña o noso estado de benestar.


Outra cousa é como se teñan xestionado, as operacións nas que están incursas -de ENCE ao Porto Exterior para diante-; e o cesarismo dos seus dirixentes. Por non falar de que o verdadeiro poder na sombra en Galicia é o Club de Iñás, como sabe calquera que estea informado de quen manda e como manda. Non hai nin que dicir que, dado o tamaño do país e da nosa economía os préstamos a terceiros -á Voz de Galicia, por exemplo- e ás propias organizacións políticas e sociais converten a estas entidades en intocables. Nunca hai que minusvalorar esta clase de aspectos. Se lle debes a unha entidade certo diñeiro tal vez has de ser prudente.


En todo caso, se Caixa Galicia e Caixanova se perden para o país acabouse o conto. Sen elas seríamos unha praia de Madrid -con elas ao peor tamén, pero sen elas, seguro- que, non nos enganemos é o que quere non sei se a maioría do país, pero dende logo, non unha parte desprezable. A calidade do autogoberno resentiríase ata límites insoportables. O declinío da capacidade de acción absoluto. As súas consecuencias en términos sociolóxicos e políticos devastadoras.


Quen non o queira ver que non o vexa, e que se entreteña coas súas cousas, pero isto é o que hai. O momento é crucial, decisivo. É case imposible que a actual reestructuración do sistema financeiro español non afecte a estas entidades. O goberno bipartito non tivo coraxe para elaborar unha Lei de Caixas, a cidadanía segue sen entender a importancia da medida -en grande medida porque o principal periódico do país elude nin a mera mención dados os seus vínculos coa CaixaGalicia- e porque tocar estes temas mete medo...


Mentres vivamos ollando cara outro lado, sen ter conciencia do que temos de sociedade moderna, na que o diñeiro é tan importante -esta non é unha economía de subsistencia, nin Uruguay, Arxentina ou Mozambique- non entenderemos qué podería facer de Galicia un país viable.

8 de xul. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión