Presentación do Manifesto "Galego. Patrimonio da Humanidade"

Redacción
Non lonxe da consideración da Torre de Hércules coma Patrimonio da Humanidade, celebrase hoxe outro acto no que se tenta respaldar a mesma consideración para a nosa lingua. O editor Manuel Bragado, o escritor Xabier Docampo e o filósofo Antón Baamonde presentaron a mediodía en Vigo o manifesto "Galego, Patrimonio da Humanidade". O acto de presentación do manifesto celebrouse na Casa Galega da Cultura e consistiu na lectura íntegra do texto e en diversas intervencións dos asistentes a favor do galego.

O texto colleitou en so cinco días máis de 1.300 sinaturas de persoas de todos os campos profesionais e políticos. Entre eles figuran nomes como: Antón Reixa, María Xosé Queizán, Fran Alonso, Manuel Forcadela, Xosé María Álvarez Cáccamo ou os deputados Bieito Lobeira e Carme Adán. Algúns deles estiveron hoxe na Casa Galega da Cultura de Vigo para respaldar o acto.

O documento rexeita a “pretensión de facer crer nunha inexistente imposición lingüística” que “disimula o intento de liquidación do idioma galego e de supremacía do castelán”. Con todo, nel lémbrase que "Galicia é unha sociedade en que se falan dúas linguas que, non se pode negar, están en desigualdade" e, deste xeito, aboga por que o galego reciba unha "especial protección" con vistas a lograr a "igualdade" entre os dous idiomas. "Esa é a letra e o espírito da Constitución, do Estatuto de Autonomía e da vigente Lei de Normalización Lingüística", engádese. Deste xeito, o manifesto afirma que non se pode "destruír o que é unha das bases da convivencia" e "un dos signos da nosa existencia como país".

Por iso, estima que a sociedade galega que sente aprecio pola súa lingua, independientemente do idioma no que se exprese, debe reclamar ao Partido Popular que volva ao terreo común do consenso en materia lingüística, “así como mostrar o seu acordo coas políticas de afirmación positiva para o idioma galego que o propio PP impulsou desde a Xunta".

Finalmente, o documento destaca o galego como "patrimonio da humanidade" que se debe custodiar e garantir como medio de comunicación e información.

No acto Antón Baamonde manifestou a seu "sorpresa" ante a cantidade de adhesións rexistradas en cinco días, entre as que se atopan sindicalistas, avogados, empresarios, entre outros, nunha mostra de "gran diversidad social" que inclúe a persoas "tanto progresistas como conservadoras".

10/07/2009

3 comentários :

Danos a túa opinión