Radiografía do 25 de xullo

Moncho Paz

A xornada de mañá, Día Nacional de Galicia, recupera a carga política doutros tempos. Así se reflicte nos movementos de fondo das tres forzas representadas no Pazo do Hórreo ao longo do mes de xullo; e tamén nas distintas iniciativas a prol da cultura e da lingua galega que nestes intres están a mobilizar á sociedade civil, independentemente da ideoloxía. É o triunfo do sentimento de galeguidade, que habelo haino malia que non guste a algúns personaxes cuxo nome quero lembrar.

O conselleiro de Educación foi unha vez máis un dos protagonistas do mes, desatando a polémica pola gratuidade dos libros de texto, que afecta ao 75 por cento das familias e sitúa á nosa Comunidade á cola do Estado español neste tipo de medidas. Poucos dias despois, os concellos –a través da Fegamp– escenificaban ante Vázquez Abad a improcedencia dese discurso simplista e valeiro de contido que está a manter a Xunta con respecto ao idioma e que alimenta un conflito artificial xerando problemas que antes non había. Foi durante a celebración dos 25 anos da Declaración do Hostal, na que os concellos asumiron o compromiso de galeguizar a súa actividade cotiá.

Paradoxo da vida. Mentres na Xunta esquecen a situación global da nosa lingua, en claro retroceso, ten que ser o profesor John Rutherford quen poña énfase na importancia do idioma para a proxección exterior de Galicia, especialmente naqueles países con comunidades galegas emigrantes. Á vista dos acontecementos, xa non dubido de que hai membros no actual Executivo que descoñecen o texto da Lei de Normalización Lingüística de 1983. Unha mágoa.

E a sociedade civil segue a reclamar a volta ao consenso lingüístico. O Manifesto “Galego, Patrimonio da Humanidade” acadou máis de 3000 sinaturas de apoio en apenas quince días. En liña parecida está a plataforma “Queremos galego”, promovida pola Mesa e outros colectivos sociais; e iniciativas como a da Asociación de Escritores en Lingua Galega, que hoxe lerá o seu comunicado nun acto público na Alameda de Compostela.

No entanto, no PPdeG escóitanse voces solicitando un xiro ao galeguismo; dende o PSdeG pídese a reforma estatutaria e xurde a Rede Galeguista, que pretende impulsar o compoñente máis galeguista dentro da acción política das filas socialistas; e no BNG tratan de corrixir o rumbo e achegarse de novo á cidadanía, tendo como primeira proba de lume a manifestación de mañá na Praza da Quintana.

24 de xul. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión