Axudas para as escavacións na Cidadela de Sobrado dos Monxes

Redacción

O Consello da Xunta aprobou o pasado 30 de xullo a subscrición dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e a Universidade de Santiago de Compostela polo que se autoriza o proxecto de investigación, conservación e escavación arqueolóxica do Campamento Romano de Cidadela, en Sobrado dos Monxes.

A consellería aportará para o desenvolvemento destas actuacións a suma total de 60.000 euros distribuídos nunha primeira anualidade de 26.400 euros e nunha segunda de 33.600.O xacigo romano de Cidadela (Sobrado dos Monxes), é propiedade da Xunta de Galicia, e o seu estudo e investigación lévase a cabo desde 1982. A coordinación deste proxecto regularase no marco dun convenio que permita o seu aproveitamento científico e de formación para estudantes e licenciados.

A Consellería de Cultura e Turismo subvencionará este proxecto ao abeiro das concesións das axudas para a conservación, recuperación, restauración e promoción do patrimonio cultural de Galicia. A Universidade de Santiago, como entidade promotora, porá en liza valores como a arte rupestre ou a potenciación do seu coñecemento e difusión mediante a contratación dos medios humanos, técnicos e materiais necesarios para o axeitado desenvolvemento dos traballos e a execución, no prazo de vixencia do convenio, dos obxectos do mesmo, como a conservación, restauración e difusión do Patrimonio Cultural e as intervencións no patrimonio arqueolóxico.

Unha vez rematado o campamento romano de Cidadela, o resultado final do xacigo arqueolóxico de Sobrado dos Monxes será incorporado na Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico (RGPA) impulsada desde o Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. A necesidade de potenciar o patrimonio galego, fai que sexa necesario impulsar proxectos que se levan a cabo dende outras institucións públicas como entidades locais, particulares ou comunidades de montes coma propietarias dun gran número de xacementos. A RGPA levará a cabo actuacións destinadas a garantir a conservación e mantemento da maior parte dos xacigos arqueolóxicos e unha axeitada presentación ó público, de xeito individualizado ou mediante unha ruta ou itinerario.

03/08/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión