De Ourense a Santiago

Xulio Xiz

Hai uns anos, tiñamos un acto en Santiago e outro en Ourense, distanciados entre sí un par de horas.

En Santiago rematamos arredor das sete da tarde, e saímos cara a Ourense con hora e media de marxe para participar na presentación de “Cantos, coplas e romances de cego” de Mini e Mero, que se efectuaba con motivo da ourensá Feira do Libro.

Non hai máis de cen kilómetros entre as dúas cidades, e coidabamos que o tempo sobraría pero a estrada manifestábase difícil, con numeroso tráfico, e a conxunción de urxencia e prudencia fixo que chegasemos a Ourense algo despois das nove e media da noite, con tempo – eso si- de tomar uns viños cos protagonistas da presentación que rematara moito antes.

Lémbrame o tema o anuncio das obras do Ave entre as dúas cidades, que farán posible que o traxecto se faga en media hora, previo pago de vintetrés millóns de euros por cada kilómetro do recorrido do novo medio de transporte.

Segundo os cálculos de Fomento, esta fazaña vai ser posible o ano 2011, que non nos parece lonxe se pinta tan ben como se anuncia.

Hai cidades en Galicia desconectadas entre si, que precisan vías rápidas de conexión para non seguir perdendo o tren do progreso. Lugo e Ourense, de xeito especial, entre elas e co resto de Galicia. Coa salvedade de Ourense-Vigo e Lugo-Coruña. E Ourense-Santiago, que afortunadamente xa non é o que era.

Pero o Ave é urxente e importante. A ver se podemos chegar á hora prevista.

25 de ago. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión