É normal este home?

Fermín Bouza

Parece que Feijóo non descarta separar aos nenos por idioma, entre outros disparates que este home di, segundo os xornalistas, porque eu non me acabo de crer tanto nihilismo conceptual e tanta simpleza. Di tamén que son máis os pais que prefiren o castelán en caso de ter que dar as clases nunha única lingua. Non é certo, iso non se preguntou así e para sabelo faría falta outra pregunta. Sabemos que nunha consulta sesgada e errónea, realmente inaceptable non xa metodológica senón democraticamente, é minoritaria a opción única do galego e a do castelán, enfrontadas ambas coas cifras bilingües sumadas á outra opción, que era o que se daba co famoso decreto, salvo circunstancias especiais. Nada di do deber de defender a lingua orixinal e propia de Galicia, o que implica outras cuestións que nin cita, quizá porque as descoñece.

A unha consulta de escándalo democrático e científico suma este señor un conxunto de disparates a maior gloria da onda antigalega e antiilustrada que este home parece capitanear. Non debemos perder moito tempo nisto, é a dereita que temos en Galicia e no estado. Hai que traballar con intelixencia e firmeza para volver canto antes a gobernar Galicia, quizá cheguemos a tempo.

13/08/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión