Feira do Libro de A Coruña

Redacción

Os Xardíns de Méndez Núñez serán o centro literario da Coruña desde o 1 ata o día 10 de agosto, onde se presentarán 26 primicias mundiais de 60 autores e máis de 150.000 libros distribuídos ao longo de 52 expositores. Ademais, estarán presentes nesta edición un bo número de casetas adicadas ao libro infantil, con espectáculos, representacións teatrais e monólogos.

Ao tradicional 10% de desconto e á presenza de 48 librerías, a Feira do Libro da Coruña suma como obxectivo o de manter a cifra dos 100.000 visitantes acadada o ano pasado, e non baixar tampouco en vendas, segundo declararon onte o presidente da Agrupación de Libreiros da Coruña, Juan Carlos Sanmiguel, e o coordinador da Federación de Libreiros de Galicia, Antonio Fernández Maira.

A cidade da Coruña celebrará a súa 38ª edición con previsións optimistas pese ao entorno de crise, e con mais autores invitados que nunca, con 35 sesións de sinaturas, con Manuel Rivas, Xulio Valcárcel, Xosé Neira Vilas, Moncho Borrajo, Carlos G. Reigosa ou Espido Freire. Haberá tamén 30 presentacións de libros, como a de Xabier Alcalá, con Habana Flash; Marta Rivera de la Cruz, que presentará La importancia de las cosas; Carlos Mella e as súas Memorias dun ninguén; Yolanda Castaño, con Cando eu saiba ler; Xabier Seoane, con Raíz e soño; Luis Rei Núñez, que amosa a súa última obra, Monte Louro; ou Susa Herrera, unha moza de catorce anos que debuta con Todos os animais ao caixón.

A Feira do Libro da Coruña é a festa do libro con máis produtividade de Galicia, un punto de apoio para renovar e axustar o compromiso da cultura e da palabra cos axentes profesionais. A previsión é que as vendas superen nun 15 por cento as do ano pasado, segundo indicou o director da mostra, Juan Carlos San Miguel, polo que, debido á alta demanda, se rexeitaron pedidos de librarías e editoriais de fóra de Galicia.

04/08/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión