Festival Intercéltico de Lorient

Redacción

Dende o vindeiro venres, e ata o día 9 de agosto permanecerá aberto ao público no recinto do Festival Intercéltico de Lorient un pavillón institucional no que actuarán os grupos e solistas de música tradicional galega Alberto Coya e Alba Gutiérrez, Edelmiro Fernández, Marta Quintana e a súa banda, Bellonmaceiras Quinteto, Fía na Roca, Berrogüeto, Rosa Cedrón, Cristina Pato, Soas, Limagogia, Crema de Gaita, Espido, Pablo Carpintero, Anxo Lorenzo Band, Emilio Cao, Isga Collective, Ialma, Licor Kafé, Lulavai, Dúo de arpa céltica e violín, BoNoVo, Faltriqueira, Lamatumbá, Susana Seivane, Carlos Núñez, Xacarandaina, Pradairo, Agrupación Moxena e a banda de gaitas Airiños de Fene.

Ademais deste completo programa musical, o departamento de Turismo da Xunta de Galicia amosará no pavillón de promoción diferentes aspectos relacionados coa cultura popular galega, así como os seus principais recursos e produtos turísticos.

Este pavillón conta cos seguintes apartados: información e difusión da oferta turística de Galicia, información e difusión do Camiño de Santiago, información sobre os monumentos Patromonio da Humanidade que se poden visitar en Galicia, proxeccións audiovisuais relacionadas cos recursos turísticos, un bar-degustación de produtos gastronómicos galegos, unha tenda de artesanía, gastronomía e música; un apartado para exhibicións de labores artesanais; e unha área de exposicións, obradoiros e venda de artesanía en metal e instrumentos musicais.

A secretaria xeral para o Turismo da Consellería de Cultura e Turismo, Carmen Pardo, visitou esta fin de semana en Lorient-Francia o stand de Galicia no Festival Intercéltico no que, na súa edición 2009, chegáronse a acadar cifras de afluencia de preto de 30.000 persoas e na que a Comunidade galega está presente como convidada de honra.

Galicia conta este ano cunha presenza especial e a Secretaría Xeral para o Turismo, a través de Turgalicia, organizou un programa de promoción nun pavillón de 1.000 metros cadrados instalado no recinto do festival, no que se desenvolven, entre outras accións, 24 actuacións distintas de músicos tradicionais galegos. Ata hoxe pasaron polo pavillón galego preto de trinta mil persoas.

Ademais, ao obxecto de completar a promoción de Galicia na Bretaña francesa, tivo lugar a Gala de Galicia no Grand théâtre de Lorient, coa actuación do grupo orquestral galego Son de seu, e a exposición sobre o Camiño de Santiago Un camiño, seis olladas. O Camiño de Santiago en Galicia, que permanecerá aberta ao público na cidade francesa ao longo dos primeiros días do mes de agosto.

Na presentación da presenza galega no Festival Intercéltico de Lorient, Carmen Pardo fixo un repaso da Comunidade galega como destino turístico e cultural e lembrou que Galicia é hoxe un territorio con grande personalidade, moderno e á vez moi identificado coas tradicións e a contorna. Tamén se referiu ao Camiño de Santiago como principal elemento vertebrador da realidade galega e ao vindeiro Ano Xacobeo 2010, convidando a todos a participar nos eventos que se programarán para conmemorar esta efeméride. Por outra banda, a responsable de Turismo do Goberno Galego reuniuse co responsable das Cámaras de Comercio de Bretaña co obxectivo de chegar a un acordo coas axencias de viaxe bretonas para comercializar o produto Xacobeo 2010.


04/08/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión