Lecturas estivais

Mario Paz González

En “Por que ler aos clásicos?”, Italo Calvino suxire que “toda relectura dun clásico é unha lectura de descubrimento como a primeira”, para engadir inmediatamente que “toda lectura dun clásico é en realidade unha relectura”. Quizais por iso o verán, cos seus días de morna e lenta quietude, con esa serea folganza, esa doce preguiza que convida a refuxiarnos en xardíns moito máis ledos que os cotiáns e afastarnos dos agobios das novas e da realidade, é a época ideal para frecuentar a algún destes autores que adoitan terse como modelos dignos de imitación.

A falta dunha edición en galego, revisito, pois, o meu baqueteado exemplar de Historia de dúas cidades, de Charles Dickens, e descubro que, casualmente, este ano cúmprese o cento cincuenta aniversario da novela. Como a casualidade acostuma a convidar á “causalidade”, decido celebrar o acontecemento voltando a lelo de novo co mesmo ávido afervoamento co que o lín hai xa moitos anos.

A acción de Historia de dúas cidades desenvólvese entre a Francia e a Inglaterra da segunda metade do século XVIII. Escrita apenas oitenta anos despois dos terribles acontecementos que a inspiran e lle serven de contexto, a novela xira ao redor das vivencias que configuran o drama persoal duns poucos personaxes que se atopan inmersos nese mundo turbulento e tenebroso que rodea os albores da Revolución Francesa. “Era o mellor dos tempos e o peor”, nos di no seu inicio maxistral, “a idade da sabedoría e a da imbecilidade; a época da fe e a época da incredulidade; a estación da luz e a das tebras; era a primavera da esperanza e o inverno da desesperación; todo se amosaba como noso e non tiñamos absolutamente nada; iamos todos dereitos ao ceo, todos precipitabámonos no inferno”.

O argumento é coñecido. Se ao comezo da obra contemplamos como, despois de estar preso durante décadas na Bastilla (e, mesmo, ser dado por morto), o doutor Manette volta a Inglaterra acompañado da súa filla Lucie, na segunda parte asistimos a un xuízo que ten lugar cinco anos despois en Inglaterra. Nel, un home novo chamado Charles Darnay é acusado de traizón, aínda que finalmente quedará absolto por unha pirueta dos seus dous avogados. Mentres Darnay e a filla de Manette namóranse en Londres, en París anda a xestarse unha sanguenta Revolución decisiva para a historia do mundo moderno. Cando, na terceira parte, Charles sente a obriga inescusable de regresar á capital gala, por mor dun degrazado imprevisto, os acontecementos precipítanse ao ser detido pola súa dobre orixe francesa e nobiliaria. O comezo da Revolución, despregando dun xeito abafante todo o seu horror, non lle impide ao doutor Manette e á súa filla ir na procura de Charles, aínda que iso reavive algunhas pantasmas do pasado con imprevisibles consecuencias.

A distancia espacial e temporal con respecto aos acontecementos serve a Dickens para facer unha valoración da vida cotiá e da xustiza social na propia época na que a el lle tocou vivir. Aínda que se adoita dicir que, nesta obra, Londres representa a orde e a seguridade, fronte a París, símbolo do caos e a máis tebrosa turbulencia, Dickens non aforra pormenores á hora de amosar con caudalosa abundacia a brutalidade e deshumanización coa que se exercía a xustiza en ambas as dúas capitais. Sen dúbida, a súa observación meticulosa, así como a perfecta ambientación e a recreación dos feitos axudan ao lector a comprender un período tan convulso. Malia isto, a visión de Dickens da opresión dos indixentes, campesiños e traballadores da Francia prerrevolucionaria, inspirada no famoso estudo de Thomas Carlyle sobre a Revolución francesa, centra a súa mirada, como é habitual na súa produción, cara ao factor humano. A súa severidade analítica fai que prevaleza o sentido común. As ideas deberían estar ao servizo das persoas e non ao revés, parecer querer dicirnos. Por iso, aínda que apoia as súas razóns, amosa tamén as eivas e contradiccións da revolta e tórnase incomprensivo, cobrando distancia, cara aos desmáns dos revolucionarios, ebrios dunha desmedida violencia e dunha brutal vinganza. Así, as esceas protagonizadas pola guillotina toman trazas case dunha fantasía macabra pola súa sanguenta explicitude.

Dickens consegue transportarnos a un universo moi homoxéneo con respecto ao conxunto da súa obra, cheo de lirismo e de sentimentos puros, pero ao mesmo tempo, quizais en maior medida que nas súas outras novelas, tamén cargado de escuridades e vinganzas, de realidades opresivas, contradictorias e desacougantes. Agora a circunstancia particular dos personaxes e o seu destino final amósanse tan encadeados cos acontecementos históricos e políticos da época na que transcorren, que non sería nada doado separalos.

Sen chegar a ser este o libro máis soado do seu autor, nen sequera unha das novelas de maior envergadura entre as que escribiu, esta historia de iniciación moral e política (entendido este termo no seu sentido máis amplo) ocupa un lugar destacado no meu canon persoal sen que poda dicir con certeza por que. Quizáis porque, seguindo a cita de Calvino do comezo, aúna dalgún xeito a sorpresa do que se amosa en perpetua novidade coa certeza e seguranza do xa coñecido. Tamén, como en moitos outros grandes clásicos, por riba dos feitos narrados, talvez destaquen a plenitude e vixencia dalgúns dos sentimentos de fondo que nela atopamos refrexados en personaxes como o enigmático e decisivo avogado Sydney Carlton.

Non son eu quen de criticar aos seguidores de Larsson (malia preferir Wallander a Salander), pero só a perspectiva histórica nos axudará a deslindar con lucidez e equidade o que realmente paga a pena. Non dubido que moitos clásicos de hoxe (como as novelas de Dickens) son os best-sellers de onte e, se cadra, moitos best-sellers de hoxe chegarán a ser os clásicos de mañá, co mesmo número de admiradores e detractores do que gozaron no seu tempo. De calquera xeito, a boa literatura distínguese porque serve sempre para fuxir da realidade, pero tamén para comprendela mellor. Nesta obra chea de anhelos e de medos, de saudades, pero tamén de acción descarnada, non só atopamos quintaesenciado o Dickens máis puro, o máis lírico ou o máis conmovedor, senón por riba, o máis preciso na descrición dun momento histórico tan cheo de convulsiós como foron as décadas finais do dazaoito. Quizais por iso mesmo, como ocorre a miudo cos clásicos, ao lela atopamos reflexións ou intuicións que son plenamente vixentes para que quizais, cando rematemos esta doce folganza estival, podamos comprender mellor o mundo que nos rodea.

mariopaz@avozdevilalba.com

17/08/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión