Libro galego en Bos Áires

Redacción

O proxecto de establecer unha colección de obras literarias galegas en Bos Aires favorecendo difusión e promoción da lingua e literatura galega no exterior é un proxecto longamente agardado. Esta iniciativa da que estamos a falar agora enmarcase dentro do proxecto "Babel, la biblioteca", que desenvolve o VII Festival Internacional de Teatro de Bos Aires xunto coa rede de bibliotecas da cidade bonaerense. É un programa que promove a lectura de textos dramáticos nas linguas orixinais de diversas comunidades de tradición inmigrante e, doutra banda, fomenta a incorporación de fondos de libros en diversos idiomas nas bibliotecas da cidade.

Por iso a Consellería de Cultura e Turismo vai colaborar na creación dunha sección do libro galego nesa rede de bibliotecas antedita co fin de difundir e promover a nosa lingua e o libro impreso no noso idioma en Arxentina. A sección contará cunha escolma de fondos tanto de recente publicación como clásicos que xa comezou a realizar o persoal técnico da Biblioteca de Galicia para dar unha imaxe real e completa do que representa a literatura e a creación galega escrita, tanto actual como histórica.

Con esta sección de libros galegos preténdese recuperar aspectos culturais que a comunidade galega aportou a Arxentina e, ademais, suporá un punto de partida para crear un novo centro de confluencia en torno á cultura galega, tan implicada na propia esencia da sociedade arxentina. Esta política compleméntase ademais coa catalogación dos fondos conservados, en colaboración coa Fundación Puente e que poden ser consultadas actualmente a través de Internet e nas páxinas do Centro Superior Bibliográfico de Galicia.

Esta non é a primeira ocasión na que a Xunta de Galicia, a través da súa Consellería responsable da materia de cultura, ten enviado a Arxentina coleccións de libros galegos. Os beneficiarios desta política de difusión da nosa produción editorial foron durante anos os centros e institucións galegas na capital bonaerense, nas que pódense atopar importantes coleccións de obras na nosa lingua e dos nosos autores.

Porén, nesta ocasión, preténdese dar un paso adiante, xa que non se trata de enriquecer as coleccións dos centros galegos, senón de crear dentro do propio sistema bibliotecario bonaerense unha sección de literatura galega accesible, tanto a descendentes de galegos como a tódolos usuarios do sistema que pretendan coñecer directamente en profundidade as nosas creacións literarias humanísticas ou científicas.

As posibilidades de colaboración, tanto de envío de fondos bibliográficos en idioma galego para incorporar ás bibliotecas públicas da cidade de Bos Aires, como a ocasión de reunir estes fondos nunha mesma biblioteca e crear a sección de literatura galega foron expostos e tratados nunha reunión celebrada entre o persoal da Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires e o Director de Programación y Difusión Cultural de la Ciudad.

En outubro de 2009 a Consellería de Cultura e Turismo ten previsto ter as citadas coleccións seleccionadas, procesadas e entregadas á rede bibliotecaria bonaerense para a súa incorporación a 15 bibliotecas da cidade. Para a Consellería de Cultura e Turismo esta iniciativa supón unha oportunidade de contribuír á promoción e difusión da nosa lingua e dos nosos creadores nun entorno especialmente propicio como o arxentino, pola tradición da actividade cultural galega no país americano.

17/08/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión