Música galega en Portugal

Redacción

A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e a d’Orfeu Associação Cultural colaboran por segundo ano consecutivo na organización desta iniciativa transfronteiriza, que ofrecerá un total de 47 concertos en Galicia e Portugal entre setembro e decembro. En concreto, os grupos galegos Aló Django, Banda Potemkin, Bukowski Blues Trío, Carmen Dor, Coanhadeira, De Outra Margem, Lamatumbá, Modulok Trío, Portrait, Som do Galpom e Son+D2 protagonizarán un total de 25 actuacións no país veciño, mentres que os portugueses Comcordas, Olivetree, Samasati, Sofia Ribeiro, Taberna Revisitada e Uxu Kalhus realizarán 22 recitais en Galicia, conformando así un amplo cartel que se desenvolverá en 20 localidades galegas e lusas.

O programa portugués percorrerá 11 dos locais que durante o próximo outono acollerán a décimo terceira edición de OuTonalidades, circuíto musical que promove a asociación d’Orfeu no país veciño. O calendario de actuacións dará comezo o 25 de setembro coa presentación de Som de Galpom na Casa da Juventude de Amarante e continuará até o 19 de decembro, visitando tamén Águeda (Espaço d’Orfeu), Aveiro (Mercado Negro), Chaves (Sala Multiusos), Estarreja (Bar do Cine-Teatro), Évora (Espaço Celeiros), Fundão (Casa da Moagem), Ovar (Café-Concerto do Centro de Arte), Porto (Contagiarte), Tondela (Bar do Novo Ciclo Acert) e Torres Novas (Café Teatro Virginia).

En Galicia, a programación inaugurarase igualmente o 25 de setembro cun concerto da banda portuguesa Taberna Revisitada na sala Aturuxo de Bueu. O cartel estenderase até o 5 de decembro por 9 espazos da Rede Galega de Música ao Vivo, que a AGADIC promove en colaboración coa asociación Clubtura: ademais do Aturuxo, Jazz Vides da Coruña, Pun D’Antón Rock Café da Laracha, Café-Cultural Roi Xordo de Allariz, Sala Run Rum de Ferrol, o Náutico do Grove, Clavicémbalo de Lugo, Pub Gatos de Melide e Auriense Café Cultural de Ourense.

25/08/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión