O xefe de todo isto

Por César Reis

A finais de xullo a Fiscal Xeral de Venezuela, Luisa Ortega Díaz, presentou un Proxecto de Lei Especial de Delitos Mediáticos que foi recibido con aplausos polos membros do Parlamento. Esta lei “revolucionaria” (que vai “demoler”, en palabras do seu presidente, “as vellas estruturas do Estado burgués”) buscaría sancionar, con penas que oscilarían entre os seis meses e os catro anos de cárcere, a aqueles medios (audiovisuais, impresos ou dixitais) que coas súas informacións poidan facer que se cambalee a “estabilidade do estado”, a “paz social” ou a “saúde mental e a moral pública”. A consecuencia máis inmediata disto é que calquera é susceptible de ser penado, desde os directivos das empresas de comunicación, até os xornalistas, artistas ou cidadáns correntes que se expresen a través de calquera medio.

Só hai unha cousa que, coido eu, deberiamos agradecer ao presidente venezolano por tratar de levar adiante este proxecto e iso é, paradoxalmente, a transparencia e a sinceridade coa que o fai, é dicir, a transparencia coa cal pode sacarse da manga unha lei claramente censora que non pretende senón cernar toda postura crítica, pór unha mordaza aos medios para que retransmitan a realidade como a el lle pete.

Se cadra Hugo Chávez (xefe, polo que se ve, de todo aquilo) debería darse unha volta por estes pagos e ver como nolas gastamos aquí. O fin pode ser o mesmo, pero os medios empregados para logralo son, cando menos, moito máis sutís, máis finos se se quere, máis do noso tempo en todo caso.

Aquí o que se está a levar desde non hai moito son esas roldas de prensa e esas declaracións institucionais sen preguntas ou aquela outra
práctica, cada vez máis común, de distribución directa ás televisións de textos e imaxes coidadosamente estudadas e montadas sobre actos, mitins e todo tipo de eventos que se teñan organizado. Os gabinetes de información de partidos, institucións e, mesmo, grandes corporacións empresariais encárganse de todo iso utilizando os medios como un mero intermediario totalmente acrítico.

Non nego que boa parte da culpa se ache nos propios mass-media, precisamente por esa cómoda postura acrítica que, no fondo, non protexe ao desprevido espectador quen, no seu desamparo, está obrigado a dixerir enormes cantidades de información sen seleccionar, sen que ninguén o advirta da flagrante manipulación de que anda a ser obxecto ao ofrecérselle na mesma bandexa de prata esa sobresaturación inasimilable na que se amosan confundidas e, o que é peor, equiparadas a información real coa máis simple e basta propaganda.

Pode parecer esaxerado ou, mesmo, demagóxico, pero por algo será que unha institución tan seria e fóra de toda sospeita, como a francesa Reporters sans frontières (que, nos últimos tempos, sitúa sempre a Venezuela por riba do número cen na súa clasificación anual da liberdade de prensa por países), tampouco nos deixa nun lugar moitísimo mellor na súa lista de 2008: só a metade de camiño do país de Hugo Chávez, é dicir, no posto 39, moi por debaixo de Bélxica (7), Austria (17) ou Alemaña (20).

Convén precisar que outros, como Rusia, teñen peor clasificación (141) o que non é de estrañar tendo en conta que, desde a caída da Unión Soviética, morreron máis de douscentos xornalistas, como a recentemente desaparecida Anna Politkovskaïa, do bisemanal Novaïa Gazeta. Aínda que o proceso contra os seus supostos asasinos acaba de comezar (5 de agostode 2009
), a impunidade continúa sendo a regra nun país onde, por desgraza, moitos andan a preguntarse "quen será o seguinte?".

Aínda que aquí non sexa tan doado como en Rusia ou Venezuela saber quen é o xefe de todo isto, cómpre salientar feitos como esa decisión tomada este verán pola Audiencia Nacional de arquivar o caso José Couso. Desde logo non é moi boa noticia para a liberdade de prensa, pois, como sinalaron varias asociacións de periodistas, ao deixar impune esa morte, réstase valor ás declaracións dos correspondentes que foron testemuñas daqueles feitos.

A liberdade de prensa é algo moi fráxil que todos deberiamos coidar. Senón, quen sabe se, neste como noutros asuntos, todos nós, como ocorre na película de Lars von Trier que dá título a este artigo, non chegaremos a ser máis que partícipes e, peor aínda, cómplices dunha farsa que, ante os nosos fociños, está a ter lugar.

Imaxe: MXM


cesar.reis.alveiros@gmail.com

07/08/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión