Un proxecto político para mañá

Fermín Bouza

Foi unha guerra civil fundada nun golpe de estado errado contra un goberno democrático no marco dun sistema republicano no que era maioritaria a opción frontista de tipo antifascista (a chamada Fronte Popular) que entón se consideraba a política correcta fronte á radicalización da dereita na liña nazi-fascista. Foi unha guerra civil desa orde, longa, cruel, na que a República non puido dispor do material militar necesario para enfrontar con éxito a defensa da democracia, e afrontou o seu último intento (a batalla do Ebro) con inmensas carencias, sobre todo aéreas, que fixeron imposible unha vitoria que podería ser real con ese apoio que se lle negou.

Foi unha guerra que deixou o poder en mans dun consorcio civil/militar que representaba todo o máis radical da dereita clásica española, dereita radical que naquel momento era maioritaria no campo conservador, no que sobrevivían algúns sectores republicanos e laicistas e algúns nacionalismos periféricos. Pero foi a dereita máis radical, como corresponde a tempos de guerra, a que levou a voz cantante no campo franquista. A dereita republicana ou foi perseguida e aniquilada, ou se pasou fisicamente ao campo republicano, ou se emboscou na retagarda franco-fascista á espera de mellores tempos.

Eran xentes ilustradas, non moi clericais, pero si conservadoras, máis próximas ás Cortes de Cádiz que á Revolución Francesa e aos sans-culottes. Non eran moitos, esa é a verdade. A dereita española máis numerosa e representativa estaba a perder a iniciativa política fronte ás clases populares, e iso fíxolle comprometerse nunha aventura bélica tan cruel e inesquecible. Sería exacto dicir que tivo sorte e apoios, e gañou. Pero non é así exactamente: esa guerra e as súas consecuencias abriron o camiño dun futuro complicado para o conxunto do Estado español construído sobre aquelas ruínas morais, físicas, económicas e políticas.

A identificación do vello réxime franquista coa España unitaria e cunha forma intolerante de entender os problemas nacionais que conviven no Estado español, fixo que a saída á Transición non fose exactamente doada: problemas de terrorismo, descontento xeneralizado en federalistas, independentistas e unitaristas de diversa intensidade autonomista, ou nada autonomistas, unido a unha notoria falta de preparación política para afrontar os novos problemas nos dous grandes partidos de estado, o PP e o PSOE, e todo iso unido como un bebedizo indixesto foi abrindo unha fenda crecente entre un país cada día máis centralista e antiautonomista (a dereita vaino impondo en moitos medios de comunicación: aconsello ver a TDT, emisoras do Mundo e de Intereconomía: im-presionante) e outro país cada día máis centrífugo, escéptico e afastado do centro xeográfico do Estado ou de España, como queiran chamarlle.

E este é o marco no que un centralista (Fraga era un populista que dicían que soñaba en crear a súa propia Baviera social-cristiá en Galicia, o que o obrigou a un plus de galeguismo á súa maneira que non foi percibido como ameaza para a existencia real de Galicia), un centralista como Feijóo abre o camiño a unha desgaleguización rápida dun país, Galicia, que careceu dunha organización histórica de resposta, xa fose unha clase social burguesa activa e combativa, como Cataluña ou Euskadi, ou dunha esquerda con capacidade de xerar adhesións máis aló dos seus núcleos ideolóxicos de proximidade.

Todo indica que as cousas seguen así, pero con algúns cambios: hoxe hai unha parte importante das clases medias urbanas dispostas a sumarse a un proxecto galeguista e de progreso ben no marco do estado autonómico ou federal, ben con outras fórmulas. A estes sectores urbanos únense similares sectores nas vilas e no rural. é dicir: hoxe si hai unha base social para un proxecto progresista, e só a incapacidade política está a facelo inviable. Até cando?

22/08/2009

1 comentários :

Danos a túa opinión