XXII Edición do Pantín Classic en Valdoviño

Redacción

A praia de Pantín, en Valdoviño, será o epicentro do surf mundial xa que a XXII Edición do Pantín Classic congregará a máis dun cento dos mellores surfistas do mundo nunha proba que se enmarca na categoría WQS. Ademais do campionato de surf masculino que permite o ascenso á máxima categoría World Championship Tour e considerado como un campionato de 5 estrelas e dotado con 120.000 USD en Premios. A cita do Pantín Classic acompáñase cun bo número de actividades paralelas que inclúen concertos, exposicións de fotografía, clases gratuítas de surf en colaboración coa Federación Galega de Surf, limpezas de praias concertadas coa Sur Rider Fundaction, exhibicións doutras modalidades deportivas como skateboard ou snowboard, etc.

A Secretaría Xeral para o Turismo patrocina a XXII Edición da Pantín Classic, unha proba de surf que se celebra entre os días 8 e 13 de setembro na praia de Pantín, no concello de Valdoviño. Á presentación da proba, que tivo lugar o mércores 26 en Santiago, asistiu a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo López, e mais o director do campionato, Marcos Rodríguez. Así mesmo asistiron representantes dos outros patrocinadores –a proba conta con máis dunha vintena de patrocinios- e mais o presidente da Asociación de Cámpings de Galicia, Delfín Fidalgo.

Durante a presentación, a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo destacou que o obxectivo da Secretaría Xeral para o Turismo, de Turgalicia e da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo en relación co deporte pasa por potenciar as diferentes disciplinas deportivas e actividades de competición ou eventos relacionados co deporte que, como oferta complementaria, reforcen aqueles destinos turísticos consolidados ou actúen como factor dinamizador daqueloutros que se están desenvolvendo e especializando. Carmen Pardo sinalou que "existen disciplinas deportivas que xa constitúen por si mesmas un reclamo turístico.

A práctica da náutica en xeral ou o caso do surf en particular, é xa un deporte asociado tanto á práctica do exercicio físico como ao desfrute da experiencia turística". A secretaria xeral comentou tamén que "facer deporte en Galicia é xa un xeito de coñecer a nosa comunidade e ao mesmo tempo é unha maneira de complementar a experiencia turística de modo sostible e saudable". Tamén matizou que a conservación de espazos naturais para a práctica deportiva repercute positivamente na sustentabilidade do espazo turístico e contribúe a dinamizar socioeconómicamente o espazo no que se asentan. Segundo explicou tamén o director do campionato, Marcos Rodríguez, agárdase que a cita reúna este ano a máis de 20 mil espectadores.

28 de ago. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión