As campás da igrexa de Vilalba


Xulio Xiz

Foi Rosalía quen deixou para a historia a lembranza das “Campanas de Bastabales”, que a facían morrer de soidades ó escoitalas tocar. É María Manuela quen canta ás “Campás de Betanzos” que están “case sempre chorando / case sempre tristeiras”.

Eu teño marcados a lume na miña alma os sons das campás da igrexa de Santa María de Vilalba, que entraban na miña casa da Porta de Cima como disparos.

As campás tocaban as horas, os cuartos e as medias. As campás chamaban á misa, e cando soaban a rebato era sinal de que un incendio arrasaba algunha casa do pobo e había que acudir a axudar no que se puidese.

Pero o que maior atención despertaba era o toque de difuntos... Porque sabendo que alguén estaba enfermo, a campá viña dicirnos ós veciños que alguén nos abandoara definitivamente.

Non sei quen me ensinou a linguaxe da campá... Todos os vilalbeses daquel tempo sabíamos que se a campá daba tres toques, era que morrera un home. Se daba dous, unha muller. Se daba un só toque, morrera un neno ou nena, que nesto non había distingos. En definitiva, un anxo, deses que se levaban en caixiña branca e detrás ía tocando un grupo de gaiteiros.

Se daba catro toques, era que morrera un crego. Se daba cinco, o Bispo. E se daba seis, o Papa. Non sei se sigue vixente o sistema, pero a campá da igrexa equivalía a un diario falado dunha emisora de radio, das que daquela se collían en Vilalba bastante malamente.

Outras campás se oían en Vilalba, pero de lonxe. En concreto, as de Mourence que tocaban aló enfronte da miña casa, pasado o río. Outras, que xa non se oían aquí, tiñan – ou supoñíase- determinadas virtudes, e algunha había que tocando cando se aproximaba unha tormenta, esta quedaba desfeita co que non peligraba nin a colleita nin as persoas.

Agora, por Galicia adiante, están electrificando e automatizando o sistema, de maneira que as campás soan sen que ninguén as toque. Elimínase o elemento humano, e unha sinxela programación automatiza un proceso que xa non será o mesmo aínda que o sistema siga a funcionar con total perfección.

Cando vou por Vilalba, escoito os toques da campá da igrexa, e coido comprobar que o seu son segue a gobernar a vida vilalbesa. Que unha vila chega onde chega a súa campá, aínda que o alcance dependa de onde sopre o aire.

A campá é o primeiro medio de difusión que houbo na nosa terra. E en moitos aspectos, e para moita xente, ségueo a ser. Aínda que a automatización lle quite personalidade e gracia. Mentras soan as campás, aínda temos cada día alguén que nos diga desde lonxe “levántate, e anda”.

En fin: Que cando vou a Vilalba sempre hai algún elemento que desperta a miña nostalxia.

16 de set. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión