I Certame de Pintura Rápida de Vilalba

Redacción

O Instituto de Estudios Chairegos co patrocinio da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo e a colaboración de Tar Asesores-Librería Pergamino-2 e Mesón A Lareira, organiza este sábado, día 19 de setembro de 2009 o 1º CERTAME DE PINTURA RÁPIDA de Vilalba, suxeito ás seguintes bases:

1. LUGAR E DATA DA CELEBRACIÓN

Sábado l9 de setembro do 2009, en Vilalba (Lugo)

(No caso de mal tempo indicaráselles aos pintores os lugares de abrigo previstos)

2. PARTICIPANTES

Poderán participar todos os artistas que o desexen. Acudirán provistos do material necesario, incluíndo o cabalete onde se exporá a súa obra. Coa fin de mellorar as previsións a nivel organizativo prégase a aqueles que pensen concursar que o comuniquen no enderezo electrónico info@iescha.org ou ben, chamando aos teléfonos: 639-246459 // 651-361628

3. SOPORTE

Só se admite un soporte por concursante. A tea, papel ou taboleiro debe estar montado sobre bastidor ou material ríxido, totalmente en branco e de superficie lisa. O tamaño será dun mínimo de 50 cm. e dun máximo de 116 cm. en calquera dos seus lados.

4. SELADO

Os participantes presentaranse o mesmo día do Certame na Praza da Constitución de Vilalba entre as 9:00 e as 11:00 horas para o selado e numeración do soporte.

5. TEMA

O casco urbano de Vilalba. O cadro pintarase diante do motivo escollido polo pintor (in situ), non aceptándose o uso de fotografías, reproducións, etc. para a realización do mesmo. A organización supervisará a situación de cada participante.

6. TÉCNICA

As técnicas pictóricas admitidas serán: óleo, acrílico e acuarela.

7. ENTREGA E EXPOSICIÓN

O Certame remata ás 17:30 horas, debendo presentarse todos os participantes cos seus traballos sen asinar nos soportais da Praza da Constitución para seren expostos a continuación nos seus cabaletes. Membros da organización recollerán dende as 16:00 horas as obras de aqueles que o desexen.

8. XURADO

O Xurado estará composto polo Presidente do Instituto de Estudos Chairegos e dúas persoas relacionadas co mundo da Arte.

9. DITAME E ENTREGA DE PREMIOS

O Xurado reunirase unha vez expostas as obras para elixir as premiadas. O ditame, que será inapelábel, darase a coñecer sobre as 19:00 h., procedendo de contado á entrega dos premios. As persoas premiadas deberán asinar as súas obras.

10. PREMIOS

O Certame estará dotado cos seguintes premios:

1º: 1.200 €

2º: 900 €

3º: 700 €

Concederanse tamén os seguintes accésits:

Accésit 1º: 600 €, doazón de TAR Asesores-Librería Pergamino-2

Accésit 2º: 500 €, doazón de Mesón A Lareira

O Xurado poderá declarar deserto algún dos premios.

11. PROPIEDADE DAS OBRAS

As obras premiadas pasarán a ser propiedade das entidades que outorguen os premios, que tamén se reservan os dereitos de reprodución. No caso dos accésit, as empresas patrocinadoras elixirán a obra en orde de maior a menor cantidade achegada.

12. EXPOSICIÓN E VENDA

As obras non premiadas poderán continuar expostas para a súa venda ao público até as 20:30 horas, debendo ser retiradas polos autores a partir dese momento.

13. CONFORMIDADE

A participación supón a plena aceptación das presentes bases, así como calquera modificación sobre as mesmas que redunde no beneficio do Certame.

15 de set. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión