Imperio e res publica

Moncho Paz

Comeza o curso político e atopamos aos nosos representantes parlamentarios máis ledos do habitual, con boa cor nas súas faces e transmitindo empatía e cordialidade, coma se realmente estiveran dispostos a chegar a grandes consensos en aras do ben común. Veremos o que dura este estado de ánimo, que por norma xeral resulta tan efémero como a presenza do arco da vella. Entre as noticias máis relevantes desta nova andaina hoxe quero destacar dúas: o cambio político en Xapón e a foto-finish estival de El-Rei recibindo en Zarzuela a Cayo Lara, líder de IU.

O desenlace electoral no imperio do sol nacente garda semellanzas co de México, cando o PRI perdeu o poder despois de gobernar a República durante máis de setenta anos. No caso nipón, estamos ante outra situación histórica: a caída do Partido Liberal Democrático, fortemente arraigado no poderoso sector industrial que durante décadas influiu na vida económica, social e política dos xaponeses.

Desde hai anos sigo con detalle distintas manifestacións culturais do Xapón, especialmente a través da arquitectura. As obras de Arata Isozaki, Toyo Ito ou Kengo Kuma espertaron o meu interese polo seu equilibrio e harmonía, que se traducen nunha actitude receptiva e na súa capacidade para misturar realidade e paisaxe. Durante este verán coñecín a un cidadán xaponés que reunía precisamente estas virtudes: Tadashi Yamamoto, antropólogo e profesor da Universidade de Tenri.

Namorado da nosa cultura, leva nove anos visitando Galicia e exprésase perfectamente en galego. Tras moitas horas de conversa, Tadashi confesaba non entender a política da actual Xunta sobre o idioma, enmarcada na fronteira do conflito identitario. Convidámolos –a el e á súa dona, Kazumi– a visitar Mondoñedo durante a Feira Medieval de agosto, pois tiñan interese en coñecer o berce de Cunqueiro. E alí fumos investidos cabaleiros da cidade. Ao regreso, subindo polo alto da Xesta, decateime de que o reloxio de Tadashi non era un Seiko nin un Casio, senon da Mesa pola Normalización Lingüística. Nese intre comprendín que a nosa amizade perdurará no tempo.

E que dicir da foto de El-Rei con Mr. Lara? É unha imaxe moderna, non se pode negar. A serenidade coa que expuxo ao monarca a súa vontade de traballar a prol dun Estado “federal, solidario e republicano” é proba de que algo cambiou en España durante os últimos anos. Aínda que, como di meu fillo, será broma?

04/09/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión