A navalla do Manuel

Xulio Xiz

Eu gardo como ouro en pano, amigo Manuel, unha navalla coa que me agasallaches hai ben anos, no momento en que me enterei da túa devoción por estes singulares artiluxios tan personais, tan galegos, e cando ti – sempre xeneroso tamén nos temas materiais- quixeches compartir comigo aquela peza senlleira da túa colección, verdadeira peza multiusos, que para alguén máis mañoso ca min equivalería a unha completa caixa de ferramentas.

Sabendo que as miñas habilidades non camiñan polo mundo físico, déchesme unha navalla que podía facer de todo, e que sen embargo eu convertín en peza de museo, homenaxe ó amigo devoto das navallas, agardando que á vez que a súa contemplación me lembra a túa bonhomía tamén me achegue a ese mundo de aceiro humanizado onde todo é posible, mesmo nunha illa deserta, cun instrumento que faría as delicias dun intemporal Robinson Crusoe.

Aquela navalla Manuel, dorme o sono do tempo que nos leva, alternando a súa estadía entre unha estantería e un caixón onde gardo aquelas cousas que foron marcando o ritmo da miña vida. E teño que confesar non utilizala no traballo cotián nin siquiera nas festas de gardar, como ocorre coas cousas ás que un lles ten un respecto máis ca humán; as cousas que son moito máis ca materia; as cousas que un gosta de apreixar coas mans, cos ollos da alma, coas potencias que nos atribúen ós humanos: memoria, intelixencia e vontade.

E agora, Manuel, terei dúas navallas túas. A que xa é peza veterana no almario da miña casa, e a que recibo no día da túa lembranza, ofrecida por Xermolos e a Fundación Manuel María da Terra Chá , que cada ano ten por destinatario un amigo teu, sendo sen dubidalo –na túa lembranza- unha máis das túas navallas, destinadas a amigos que saben aprecialas no seu valor e sentido físico, pero moito máis aínda no simbólico, que nas navallas estás ti representado, encarnado.

Mira por onde, Manuel, que con dous fillos, e neto e neta, xa teño a quen deixarlles as miñas dúas navallas, agardando ter tempo abondo para aprenderlles a valoralas. Que poden non cotizar nos mercados de valores económicos, pero para os que cremos que hai cousas que valen máis ca o diñeiro, para os teus amigos, para min e para a miña xente, son infinitamente máis valiosas que o diñeiro de curso legal.

Por ti, Manuel das navallas, patriarca chairego, amigo inmorrente!.

( Lembrando ó Manuel, en Outeiro, o 8 de setembro de 2009. )

10/09/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión