XXV premio Celanova, Casa dos Poetas

Redacción

A Fundación Manuel Curros Enríquez de Celanova celebra este domingo, 6 de setembro, o acto de entrega do XXV premio Celanova, Casa dos Poetas á Real Academia Galega (RAG). No mesmo acto farase un recoñecemento público historiador e escritor ourensán Marcos Valcárcel, quen, do mesmo xeito que a Real Academia Galega, recibirá o diploma manuscrito obra do poeta e artista plástico Baldo Ramos que se pode ver na imaxe.

Por motivos de axenda, os actos adiantaranse unha hora. Así, ao son dos acordes dos integrantes de “Ou gaiteiro de Penalta”, ás 10.15 horas está prevista a recepción dos premiados e as autoridades no Concello celanovés. Con posterioridade, veciños e visitantes asistirán á ofrenda floral a Celso Emilio Ferreiro con motivo do 30 aniversario da súa morte. Luís Ferreiro, presidirá un emotivo acto en honra ao seu pai, no que estará acompañado de Isabel Ingelmo (vogal da Fundación Curros Enríquez) e Ramón Nicolás (profesor e crítico literario).

Entre as novidades deste ano, o acto organizado pola Fundación Manuel Curros Enríquez contará coa presencia do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, así como tamén de Antonio Mouriño, alcalde de Celanova e presidente da Fundación Manuel Curros Enríquez, quen destacou da entidade galardoada a impagable contribución á preservación do idioma dende vos albores do século XX.

A Fundación Curros Enríquez non pretende, con este galardón, poñer ó descuberto os méritos, máis que evidentes, que tan alta institución posúe para ser recoñecida públicamente, pero si desexa facer un explícito agradecemento histórico por ese traballo, a miúdo silandeiro e pouco recoñecido, que durante décadas realizaron xeracións de académicos que sempre foron conscientes da necesidade de preservación da lingua como unha das máis importantes señas de identidade da sociedade galega. Por outra banda, tampouco pode abstraerse da relación que tan alta institución da lingua posúe coa figura de Manuel Curros Enríquez, que foi o presidente da súa Asociación Iniciadora e Protectora e posteriormente Presidente de honra da Real Academia Galega.

Tras un recital de poemas e a alborada musical, os invitados pasarán ao salón de actos do Claustro Barroco onde se celebrará o acto de entrega coas intervencións de Xosé Ramón Barreiro (presidente da RAG), Xosé Luís Axeitos (académico e arquiveiro da RAG), ademais do presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, o da Deputación ourensá José Luís Baltar e o alcalde Antonio Mouriño.

11/09/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión