As bicocas de San Caetano

Moncho Paz

O meu amigo Iago está interesado en cambiar de coche; precisa un vehículo con maiores prestacións que o seu compacto deportivo. Como é pai de tres fillos –dous maiores e un meniño– pensa na posibilidade de mercar un automóbil máis potente e seguro, sobre todo nos desprazamentos longos. E por fin atopou unha boa oportunidade; pero terá que madrugar se ao final decide considerala. Hoxe sábado, ás nove da mañá, nas instalacións de San Caetano, terá lugar a poxa de vinte coches Audi de alta gama, con prezos que van dende os 9.140 euros dun A8 de 2000 –motor diésel– até os 38.890 € do mesmo modelo de 2005 en versión gasolina. Fóra de dous, o resto son vehículos “de época”, é dicir, da etapa final de Fraga como presidente da Xunta.

Afortunadamente para Iago, entre a variada oferta non se atopa ningún coche blindado. “Mellor, así non terei que gastar moito en pneumáticos”, recoñece. Convencido da magnífica ocasión, non dubidou en chamar ao teléfono de contacto indicado na convocatoria do alleamento publicada no Diario Oficial de Galicia. Alén do aparello, un amable interlocutor describiulle con detalle as características técnicas e o equipamento dos vehículos, animándolle a aproveitar esta singular oportunidade. Iago estaba case convencido –e a piques de facilitar os seus datos persoais para concertar a cita previa– cando, de súpeto, decatouse de que aínda tiña no tinteiro un par de aclaracións importantes.

A primeira: - Gustaríame facer unha proba de estrada antes de participar na poxa. Resposta: - Vostede pode vir cando queira a ver o vehículo, pero lamento comunicarlle de que a proba que solicita non vai ser posible porque na Consellería non queren que os coches circulen por aí. Conclusión de Iago: non o entendo, sempre que merquei un automóbil, tanto nun concesionario oficial como a un particular, non atopei impedimentos de proba.

E a segunda: - Por certo, quixera saber que garantía ofrecen. Resposta: - Aquí as únicas garantías son o historial de avarías e o libro de mantemento, no que vostede pode comprobar que as revisións foron realizadas segundo os requisitos técnicos da marca; de feito, todo o mundo que pasou a ver os vehículos sorprendeuse do seu magnífico estado de conservación. Conclusión de Iago: en calquera operación de compravenda, o vendedor ofrece unha garantía mínima dun ano. Finalmente, o meu amigo non irá hoxe á poxa e sopesa se acudir ao Instituto Galego de Consumo.

17/10/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión