Axudas para a ampliación da Fundación e Casa da Cultura 'Neira Vilas'

Redacción

A Fundación Neira Vilas vén desenvolvendo un labor de continuidade no campo da promoción e difusión da cultura, e para seguir nesta vía, precisa de colaboracións institucionais ó non contar cos medios suficiente que garantan a consecución dos fins. Actualmente conta cun fondo de mais 8.500 volumes, unha biblioteca para nenos, importantes documentos da literatura galega e organiza o Premio Estornela de Teatro e o Premio Arume de poesía para nenos.

A Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, comandada por Francisco López, ven de asinar un convenio para a realización da primeira fase das obras de ampliación da Fundación e Casa da Cultura. O acordo asinado contempla a cesión por parte da Consellería de Cultura e Turismo de 60.000 euros á Fundación en materia de realización de equipamentos e obras destinadas a obter os espazos necesarios para que poidan representarse as diversas manifestacións da cultura galega nun marco digno e adecuado. As dúas entidades vinculadas a este convenio son conscientes da necesidade de instalacións de caracter sociocultural que permitan unha oferta satisfactoria, co obxecto de satisfacer as necesidades que en materia cultural teñen os habitantes desa zona, así como o incidir no hábito a lectura en galego.

Coa firma do acordo coa Fundación e Casa da Cultura "Neira Vilas" a Consellería de Cultura e Turismo desenvolve unha labor de continuidade no campo da promoción, información e difusión da cultura para achegar o máis posible o noso patrimonio á sociedade en xeral. Do mesmo xeito, amósase publicamente a confianza da Xunta de Galicia na Fundación Neira Vilas como unha entidade que pode realizar actividades de interese e utilidade social e cultural.

En troques da prestación económica, a Fundación e Casa da Cultura "Neira Vilas" dedicarase a realización efectiva das infraestruturas pactadas onde se desenvolveran as actividades previstas dentro da programación cultural. A Consellería de Cultura e Turismo, considera a Fundación e Casa da Cultura "Neira Vilas" esencial por divulgar e fomentar a lectura en lingua galega en determinados sectores de poboación. A dirección xeral de Promoción e Difusión da Cultura traballa para establecer convenios de colaboración con entidades de contido, raigame e finalidade especificamente culturais da Comunidade Autónoma Galega, coa finalidade que no seu respectivo ámbito de actuación poidan realizar actividades que se estimen de interese e utilidade social e cultural.

Xosé Neira Vilas (Gres-Vila de Cruces, 1928) é un dos escritores máis senlleiros da nosa literatura, de moi novo emigrou a Arxentina e posteriormente a Cuba, onde desenrolou unha importante labor en favor da cultura galega e da nosa historia. Na década dos noventa regresa a Galicia para continuar coa súa actividade cultural e periodística.

O seu traballo literario foi recoñecido en varias ocasións sendo distinguido como membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas universidades de La Habana e A Coruña, ademais de recibir os seguintes premios: Premio da Crítica Galega (ensaio), Premio da Crítica Española (narrativa), e as medallas de Castelao, Pedrón de Honra e Celanova Casa dos Poetas.

Este ensaísta e investigador centra a temática das súas obras na dureza da vida no campo e no desarraigo emigrante, aínda que tamén cultivou a narrativa infantil e a poesía de corte social. Entre as obras mais destacadas de Xosé Neira Vilas se atopan Memorias dun neno labrego (libro máis lido da historia da literatura galega), Xente de rodicio, Camiño bretemoso, Aqueles anos do Moncho ou O Cabaliño do buxo.

09/10/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión