Baamonde e a bandeira do galeguismo


Iago D. Castro

Confeso que critiquei abertamente moitas das decisións de Agustín Baamonde na súa época de alcalde de Vilalba, e el ben o sabe, e isto demostroume que é capaz de separar o político do persoal. Tamén é certo que aquel refrán que di “detrás virá o que bo de fará” é máis que aplicábel no caso que nos ocupa. Pero non é disto do que hoxe quero falar.

Baamonde está a ser a cara do PPdG na espiñenta –para eles- cuestión da lingua. Non é un papel doado logo da importante metedura de pata –o tempo diráo- dos populares dando unha cancha innecesaria a un grupúsculo que, aínda capaz de facer moito ruído, non arrastra grandes masas de votantes nin moito menos e no que, ademais, se perceben inquietantes indicios de extrema dereita.

Como moitos dos que coñecemos a Agustín, a min estrañoume no seu momento esta elección. No seo do grupo parlamentar popular hai deputados ben máis próximos ás teses dos que denominarei “supremacistas castelanófonos” que defenderían con moita convicción a que se preveía fose a política lingüística do PP. Neste senso, un galegofalante e galeguista de corazón como o noso paisano, moito máis “boina” que “birrete” e apoio do medianamente defenestrado Barreiro, non parecía a escolla máis intelixente.

Ou si? Pois, como adoita dicirse, depende. Se ben os estrategas do PPdG puideron ver nun primeiro momento que apuntarse ás teses dos autodenominados “bilingües” –adxectivo ben desafortunado, por certo-, lles podía proporcionar algúns milleiros de votos cruciais nunha elección axustada, é posíbel que, conquistado o poder, se decataran do perigo evidente de pór en cuestión o modelo lingüístico vixente e con elo enaxenarse unha parte non desprezábel do seu propio electorado, porque a bandeira identitaria da lingua galega non só está na esquerda. A designación crucial de Anxo Lorenzo como secretario xeral de política lingüística, e a menos evidente de Agustín Baamonde como voceiro parlamentar sobre o particular, poden ser sintomáticas dunha “silandeira marcha cara atrás”, do abandono dun discurso meramente táctico e con data de caducidade. Moi probábelmente o “tope” do actual goberno estea na volta á situación existente na era Fraga sen ir máis alá, e sen chegar á modificación da Lei de Normalización consensuada no seu día por todas as forzas políticas.

Isto explicaría tamén as airadas reaccións dos voceiros “bilingües”, que se permiten incluso ameazar ao Presidente da Xunta a conta de non se sabe ben que “compromiso” electoral. Eles mellor que ninguén están a decatarse de que do dito –na campaña- non hai nada, máis alá de torpes xestos para a galería como a chapuceira enquisa aos pais.

No marco desta posíbel estratexia cadraría perfectamente o papel “apagalumes” dun home con “sentidiño” como Baamonde e os titulares que volta si, volta tamén, lles dá aos medios de comunicación, dende A Voz de Vilalba (“abrir guerras co galego non beneficia a nnguén”) a Xornal de Galicia (“o galego necesita discriminación positiva”) ou A Nosa Terra (“hai que ter coidado coa utilización de 'bilingüismo' porque algúns invócano para beneficiar o castelán”). Como consecuencia se cadra non buscada, dá a sensación de que Agustín estea a recoller a maltratada bandeira do galeguismo dentro do PP, orfa dende a defenestración de Xosé Cuíña. Persoalmente gustaríame que así fose, porque probábelmente é a persoa máis acaída no seo do PPdG de hoxe para elo.

Haberá que ir vendo...

07/10/2009

3 comentários :

  • Baamonde é un dos tipos máis válidos que andan pola política galega (non són do PP).

    22:55 do 7 de outubro de 2009

  • Pois por min que volva de alcalde. Nunca o votei pero faría unha excepción con moito gusto.

    10:11 do 8 de outubro de 2009

  • Pode que seña o que pare os golpes do PP a conta do Galego.
    O que é certo e constatable, é que Baamonde é do PP, e o PP por moito que se queira ten unha liña ideolóxica, como tamén ten un Presidente Anti-Galego e con medidas restrictivas para o uso do Idioma; non é pois probable que Baamonde defenda o uso do Galego nas votacións pertinentes, pois votará o que diga Feijóo.
    Pode que seña como decides pero a política do PP non vai por eses tiros senón todo o contrario.
    O tempo dirá o que pasará, o que esta a pasar xa se está vendo, e Baamonde que eu saiba non se pronunciou favorable só fai de "Parachoques" e punto.
    A realidade é o que indica.

    FENDETESTAS

    14:24 do 24 de outubro de 2009

Danos a túa opinión