A contribución en Vilalba


Xulio Xiz

Gosto de escoitar –e logo contar- vellas historias vilalbesas por parte dos que foron testemuñas delas e, sempre que poido, aporto as miñas que aínda que pouca vida social fixen durante o meu período vilalbés, agora comprobo que era un rapaz observador que absorbía todo o que vía arredor.

Hai pouco faláronme dun vello recaudador de contribucións, naqueles tempos en que as contribucións se adxudicaban a un intermediario por unha cantidade que se conviña, quedando para os seus gastos e ganancia a diferencia resultante entre o abonado e o conseguido recadar. Era un excelente negocio para o adxudicatario, e tamén para as institucións que se aforraban todo un entramado funcionarial e organización do cobro das contribucións.

Di a historia que aquel vello recadador, lembrado polos máis veteranos vilalbeses, tiña a súa chamémoslle oficina no Campo de San Juán nun vetusto edificio con amplo portal onde se situaban os contribuíntes, e cun lugar inmediato que antes fora cuadra e el habilitara como oficina. Aquela oficina tiña o chan máis baixo que o do portal inmediato, e a pequena fiestra que abriu para atender ó público fíxoa ó seu nivel, que quedaba moi baixo para os vilalbeses de a pé.

O resultado era que cando os contribuíntes acudían a pagar as contribucións, ou se axionllaban diante da pequena fiestra, ou se anicaban de xeito incomodísimo. De calquera maneira, era vergoñento o trato recibido polos que ían pagar a temida contribución. Era a maneira do recadador de humillar ós xa abondo humildes e sufridos contribuíntes.

As cousas eran así. E ninguén ousaba protestar. Ninguén ousaba siquiera pensar que aquelo non podía permitirse.

Andando o tempo, a primeiros dos anos sesenta, eu tamén tiven unha experiencia memorable co entonces recadador ou auxiliar de contribucións, que tiña a oficina nun baixo da casa que fai esquina entre a estrada hacia as Pontes e a rúa dese nome, nos Catro Camiños.

Era un home pequenote, de coñecida familia vilalbesa, que rexentaba aquela oficina coa amabilidade dun cardo.

Eu tiña que pagar dous recibos da contribución correspondentes á nosa casa da Porta de Cima. Un deles, polos impostos nacionais, expedido pola Facenda pública, que no seu reverso tiña un formulario para cubrir cos importes realmente percibidos se se pagaba con recardo. O outro, correspondía ós impostos locais ou provinciais que non tiña ese formulario.

Eu lembro aquela vez que fun pagar os recibos con retraso, polo que tiña que aboar o correspondente recargo que aceptábamos como natural, e no recibo nacional así se fixo constar. O flaco recadador cobrábame recargo tamén polo outro recibo, e eu coidei necesario que o fixese constar dalgún xeito.

Cando lle comentei que era normal que me fixese unha dilixencia para facer constar que eu pagaba máis que o que dicía no recibo, montou en cólera, salíu de detrás do mostrador, e botou a correr detrás de min berrando “Vouche dar eu a ti dilixencia!”.

E aquí remata o meu recordo... Eu, que aínda que el era pequeño, era un neno, botei a correr. E non sei se xa tiña pagado, se levei os recibos, se volvín despois pagar... Simplemente sei que, como canta Sabina, “Aquel día aprendin a correr”.

Hoxe, afortunadamente, as cousas teñen mellorado moito, e a contribución cárgana na conta corrente da entidade bancaria na que un ten máis confianza.

08/10/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión