De resaca polo San Froilán


Xulio Xiz

Rematou. Foron moitos días de festa seguidos nun San Froilán nunca tan concorrido que remataron a golpes de charanga, grupos de músicos que interpretaban o “Pobre de min” como se estiveramos en Pamplona e celebrásemos o San Fermín. Pero non, aínda que as festas se internacionalicen cada vez máis, seguimos tendo por norte suposto ó patrono San Froilán.

Que o de San Froilán é unha disculpa, porque do santo acordámonos o mesmo día cinco, na súa celebración, ofrecémoslle unha misa con ofrenda e esquecémonos del. Témome que eso é o que pasa co San Ramón en Vilalba, e con todos os demais patróns que no mundo hai, que nestes tempos as festas relixiosas teñen tal componente profano que eliminan calquer outro sinal. E ata as romarías na honra dalgún santo, téñeno como pretexto máis ca punto de referencia.

Nas festas, corremos o perigo da uniformidade, de que todas acaben parecéndose entre si, perdendo as características que lles eran propias e que lles proporcionaron a sona que hoxe teñen.

Por exemplo, no San Froilán, que foi para Cunqueiro a festa máis fermosa do outono galego. A festa comezou a ser importante porque o Lugo urbano se enchía de labregos, que viñan facer festa na capital porque remataran os traballos do verán no campo e comezaba unha etapa moito máis descansada, e a festa permitía rematar por todo o alto a consecución dunhas boas colleitas.

Así, non hai aínda moitos anos, o mesmo día de San Froilán había mercado de animais entre os dous seminarios lucenses, e eu lembro unha boa rea de cabalos atados ás verxas do seminario maior, mentras arredor tratantes e curiosos feireaban. E no chamado Campo da Feira, situado onde agora está a Estación de Autobuses, había unha verdadeira feira, que as feiras foron moito antes que as festas, e tiñan permiso real desde hai máis de trescentos anos.

As festas foron collendo o lugar das feiras, e se hai anos polo recinto feiral aínda había xente que vendía estrobos, aguilladas e diversos productos de utilidade no medio rural, agora toda a cidade está invadida por emigrantes africanos que venden bolsos, cintos, reloxios e outros artiluxios das marcas máis coñecidas a precios imposibles pero reais, só concebibles nas falsificacións a grande escala comercializadas por exércitos de emigrantes coordinados por previsibles mafias que lles subministran as mercancías.

Estamos no día despois do remate do San Froilán máis concorrido da historia, no que menos importou un programa de festas alicaído pola crise, e no que o auténtico espectáculo era a xente que caminaba polas rúas.

Porque no San Froilán, o número máis importante das festas é o tempo. Se hai bo tempo, hai bo San Froilán. Neste caso, nos primeiros días choveu, pero os catro últimos acompañou o bo tempo. Despois do tempo, os elementos principais son o pulpo (o polbo) e as barracas . O programa case non conta, afortunadamente.

A conxunción de todos estes elementos foron conseguindo que a festa de San Froilán fose medrando en sona por todo Galicia, por toda España, e convertindo a Lugo nun centro de atracción para esta festa, xa declarada de interese turístico. E resulta que este ano todos eses elementos foron superados por outro, o conxunto da xente, que se convrteu en espectáculo, e a festa máis importante foron os milleiros de persoas desplazándose dun lugar a outro, invadindo bares e tascas, a casetas do pulpo e atraccións. Dando voltas sen fin.

Certamente, aínda vin ben vilalbeses estes días de festas polas rúas lucenses... paseando, como corresponde, que era a actividade máis practicada pola dificultade de acceder ós recintos pechados.

Ó mellor, dentro duns días, vexo o resultado das festas dun xeito máis optimista. Pero a estas alturas da romaría, cúmprese en min o refrán latino de “post festum pestum”, que máis ou menos quere dicir que despois da festa, resaca.

14/10/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión