Estreos para hoxe na Feira das Artes Escénicas

Redacción

As compañías galegas Galitoon, con Rosalía, a pulga que escribía, e Mofa e Befa, con Shakespeare para ignorantes, protagonizarán hoxe as dúas estreas absolutas da Feira Galega das Artes Escénicas 2009, nunha terceira xornada de actividade artística e comercial na que Berrobambán Teatro, Teatro do Morcego e Quique Peón exhibirán tamén os seus últimos espectáculos. A AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura e Turismo organiza esta décimo sétima edición do evento, que se desenvolve ata o vindeiro venres 23 en cinco espazos de Santiago e á que asisten máis de 130 programadores, distribuidores e produtores de toda a Península.

A primeira das estreas programadas terá lugar ás 12.00 horas no teatro da ARTeria Noroeste, onde Galitoon presentará a súa nova produción de teatro de monicreques: Rosalía, a pulga que escribía. Pensado para un público infantil de entre 3 e 7 anos, o espectáculo cóntanos a historia da pulga que lle dá título e de Bruno, o canguro-carteiro que se encarga de entregar as cartas que a pequena Rosalía escribe cada día, así como de lérllelas aos seus destinatarios. Andrea Mayer é a autora desta obra, que dirixe xunto a Santiago Alonso e Luis Miguel Rodríguez, mentres que Raquel Queizás e Óscar Ferreira son os encargados de dar vida aos diferentes monecos.

A Sala Nasa acollerá, a partir das 19.00 horas, a segunda das estreas que ofrece este ano a Feira Galega das Artes Escénicas: Shakespeare para ignorantes, da compañía compostelá Mofa e Befa. Quico Cadaval dirixe este espectáculo e, xunto a Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, pon de novo en marcha a "despiadada máquina cómica" de Mofa e Befa para levar ao primeiro plano as escenas do gran dramaturgo británico máis ignoradas polo público actual. Así, os personaxes secundarios das obras de Shakespeare –asasinos, xuíces, bufóns, cornudos, delatores, etc.– pasan aquí a ter todo o protagonismo.

Esta terceira xornada de Feira dará comezo ás 10.30 horas na sala Mozart do Auditorio de Galicia con Bicharada, a última produción para público infantil da compañía Berrobambán. Baixo a dirección de Evaristo Calvo, os actores Chiqui Pereira, Paula Carballeira e Anabell Gago interpretan a araña, a formiga e o misterioso escaravello que interrompe a vida tranquila das dúas primeiras.

Teatro do Morcego, que se estrea este ano como compañía residente do Concello de Narón, presenta nesta edición da Feira Kvetch, unha comedia americana sobre a ansiedade, montaxe coa que conmemora os seus 20 anos de traxectoria artística. Álvaro Lanvin, da compañía madrileña Teatro Meridional, dirixiu esta obra do británico Steven Berkoff sobre os medos, frustracións e estrés cotiáns, que poñen en escena Celso Parada, Mónica Caamaño, Miguel Pernas, Dorotea Bárcena e Mundo Villalustre. A cita será ás 21.00 horas no Teatro Principal.

O cartel de exhibición de hoxe concluirá ás 23.30 horas no Salón Teatro con Ovay, o espectáculo co que o investigador, bailarín e coreógrafo coruñés Quique Peón inicia una nova etapa artística á fronte da súa propia compañía. Acompañado polos músicos Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero, Peón interpreta un solo de danza no que conxuga os movementos tradicionais coas formas contemporáneas. Ademais dos profesionais acreditados, o público xeral poderá acceder de balde tanto a esta montaxe como á de Teatro do Morcego, sempre en función do aforo dispoñible. Os despachos de billetes abrirán unha hora antes do inicio dos espectáculos.

Canto ao programa paralelo, a compañía Neodans ofrecerá o terceiro dos showcases de danza no que, baixo o título Nozomi, presenta unha das pezas que integran a montaxe Sólodos. Erick Jiménez e Maruxa Salas asinan a coreografía, que os bailaríns Miguel Ángel Ponte e Carmela García executarán ás 13.00 horas no adro da ARTeria Noroeste.

"Cara ás novas programacións. Determinantes e métodos para a incorporación dos formatos escénicos actuais" é o título da segunda das mesas de debate desta edición, na que intervirán como relatores Lola Correa, directora artística do Festival ALT de Vigo; Mateo Feijóo, director do Teatro de La Laboral de Xixón; e Pepe Vélez, director artístico de Teatros de Cádiz. Arantza Villar, actriz dos grupos Nut Teatro e Chévere, moderará este foro que dará comezo ás 16.00 h na sala circular do Auditorio de Galicia.

Tamén no Auditorio permanecerá aberta, en horario de 10.00 a 13.30 e de 15.30 a 18.00 horas, a zona de mercado na que están instalados un total de 16 stands de asociación e empresas escénicas.

21/10/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión