Filmax comeza a rodaxe de "The Way"

Redacción

O actor Martin Sheen -na fotografía- e o seu fillo, Emilio Estévez, comezaron a rodar The Way, unha produción de Julio Fernández para Filmax. O filme desenvólvese ao longo do Camiño Francés, entre Roncesvalles e Santiago de Compostela. Unha vez máis, os dous actores traballan xuntos e, como en ocasións anteriores, Emilio Estévez encárgase da realización.

O pasado 28 de setembro iniciaron en Saint Jean Pied de Port (Francia) para seguir cara a Roncesvalles, Pamplona, Logroño, Burgos, León, O Bierzo e finalmente penetrarse en Galicia, camiño de Santiago de Compostela. A rodaxe prolongarase até o 13 de novembro.

Completan a repartición os internacionais Deborah Kara Unger e James Nesbitt, entre outros; e en canto á repartición española veremos a Simón Andreu, Ángela Molina, Eusebio Lázaro e o galego Carlos Leal. No equipo técnico destacan Juanmi Azpiroz, director de fotografía, e Víctor Molero, responsable da dirección artística.

The Way é a historia de Tom Avery, un reputado oftalmólogo que vive en California. Un día recibe unha chamada desde Francia na que se lle comunica que o seu fillo Daniel finou nun temporal nos Pirineos. A pesar de que a relación con el nunca foi moi boa por ter unha visión oposta da vida, Tom está abatido e viaxa a Francia para recuperar ao seu fillo. Alí descobre que Daniel comezaba a facer o Camiño de Santiago e decide facelo por el.

6 de out. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión