II Xornadas de Literatura Oral

Redacción

Pódese dicir que lobo é o cazador máis intelixente, e tamén o máis temido e odiado da natureza. A causa das batidas, legais e ilegais, é unha especie en risco de extinción, motivo de discusión xa vello entre gandeiros e ecoloxistas. Mesmo, aínda que agora está en desuso, pódense ver espalladas por Galicia adiante moitas ruínas dunha arquitectura deseñada para a caza do lobo, os chamados foxos dos lobos.

Aos ollos da nosa tradición mítico-literaria popular o lobo é malvado e de costumes nocturnos, está endiañado e é capaz de provocar nas persoas efectos máxicos. Dise que é un depredador voraz, obsesionado con ter sempre a boca chea, por iso Deus o castigou a “vivir tres meses de carne, tres de terra, tres de aire e tres de folgazán”. Só come a metade esquerda das presas, que é a do Demo. Non é casualidade que o imaxinario relixioso apoña a algúns santos, os chamados santos lobeiros, un poder sobre o lobo: San Francisco amansa o lobo de Gubio e San Froilán, santo patrón de Lugo, dobrega un lobo facéndolle transportar a carga que antes carrexaba o burro devorado polo lobo.

O lobo só anda de noite, ve na escuridade, rexeita a luz do día, teme a música e o lume. Cando acometen persoas, sempre de noite, xúntanse varios lobos que primeiro “acompañan” a vítima en paralelo ao camiño, polo monte, para atacala cando se vai achegando a onde haxa xente. Se un lobo só consigue matar unha presa en solitario tápaa con follas antes de comela e vai chamar por outros lobos. Se a vítima é capaz de defenderse ben del, o lobo procura cegala envorcallándose en lama e salferíndoo diante dos ollos.

O lobo, animal imperfecto
O lobo é imperfecto. Despois de crealo, Deus aborreceuse moito con el pois sempre estaba comendo e acababa co resto dos animais. Para remedialo primeiro púxolle unha choca, e coa choca chocando, todas as vítimas liscaban a tempo; o lobo morría coa fame. Entón Deus decidiu quitarlle a choca pero chantoulle un forquito no lombo que llo abaixou, caéronlle os cadrís e agora anda coa esa coxeira que o fai parente do Demo Coxo, do tardo, do coxo da Compaña e de tantas outras criaturas demoníacas.

O nacemento dos lobos
Hai un relato recollido polo Equipo Chaira en Labrada, concello de Abadín, que di que os lobos naceron dunha maldición de dous humanos malvados. Sucedeu cando Xesús Cristo e San Pedro andaban polo mundo (tempo primixenio, fundacional). Chegaron á casa dunha velliña que só tiña unha vaca e un becerro, pediron de comer, e a vella, boa persoa, matou a vaca e a cría para darlles a cea. Trala cea, Xesús Cristo díxolle á mulleriña que tirase os ósos na corte, e que ao día seguinte había ter tantas vacas e becerros como ósos botara nela.
Un matrimonio veciño ao ver o prodixio quixo ter tanta sorte coma aquela muller e convidaron a San Pedro e a Xesús Cristo a comer na súa casa. Mais, por aforrar, en vez de carne boa, déronlles aos hóspedes carne de can. Foi botarlle o dente e dixo Xesús Cristo:
-Detente, Pedro, que es perro;
que ella se vuelva loba y el lobo.
E así foi.

O arrepío, o embazamento e a fascinación

Os efectos principais que causa o lobo nos seres humanos son o arrepío e o embazamento, o que provoca en nós unha sorte de fascinación que anula a nosa vontade. Os seus ollos parecen brasas no escuro, coa mirada detén as balas e obstrúe a pólvora das escopetas; é inútil dispararlle de fronte.

Cando o lobo nos ve antes de que nós o vexamos a el sentimos que se nos poñen os pelos de punta, e que a roupa nos queda grande demais; é o que se chama arrepío, un medo pavoroso que nos provoca calafríos.

O efecto de embazamento, supostamente causado polo bafo, alento ou cheiro do lobo, que sentimos cando o vemos, ou sen pero sentíndoo moi próximo, pódenos toller a fala ata por oito días.

Estes e outros efectos marabillosos que o lobo provoca nos humanos é o que chamamos fascinación, un poder irresistible e irremediable para nós.


DO LOBO AO LOBISHOME
O mito do licántropo, a persoa que imaxina que se transforma en lobo, é moi antigo e de difusión universal. Os licántropos non se converten en lobos por propia vontade senón por efecto de meigallos. Non se sabe cal pode ser a orixe deste delirio que tantas cavilacións causou a psiquiatras e xuíces, e tanto leva contribuído á literatura e ao cine.

Poderiamos traer aquí abondosas citas das mitoloxías clásicas e da literatura onde a figura do home-lobo é recorrente como Virxilio nas Églogas, Petronio, no Satiricón, nos mitos, contos e romances populares de todo o mundo así como nos procesos, sobre todo nos séculos XV-XVI, que se fixeron contra licántropos en Francia ou Alemaña. O primeiro home-lobo foi Licaón, rei de Arcadia, convertido en lobo por Zeus en castigo por darlle de comer carne de neno.

A fada
A fada é o sino, o destino, a boa ou mala sorte que a un lle toca na vida. A fada pode provocala a maldición dos pais (Ogallá te volvas lobo!), ou por ter nacido en sétimo ou noveno lugar despois de seis ou oito irmáns do mesmo sexo. Tamén pode chegar a transformación a causa dunha envexa, dun feitizo ou dunha soberbia pronunciada pola propia vítima. Esta é a súa fada, o seu destino, e ten que cumprila, sexa ter que andar de lobos só de noite, durante un tempo ou certos días do ano.

Unha vez que a persoa ten que converterse en animal vaise ao monte, arrólase na terra ou na cama onde se deitase un lobo e érguese lobo. Ás veces cóbrense cunha pel de lobo. Así transformados atacan preferentemente persoas, matándoas e coméndoas.
Ao lobishome nada lle fai dano, nin as armas cortantes nin as de fogo. E só se conseguimos facerlle sangue ou se lle queimamos a pel de lobo que o cubre poderemos interromper a fada. De non ser así, seguirá de lobo ata que se lle acabe o tempo da maldición.

Manuel Blanco Romasanta
Son moitos os relatos de lobishomes dos que hai referencia en toda a xeografía de Galicia, do norte ao sur, do leste ao oeste pero o máis coñecido é o caso de Manuel Blanco Romasanta, nacido en Esgos, Ourense, vendedor ambulante, xulgado en Allariz en 1852. Autor confeso de doce crimes, foi condenado a morte e logo amnistiado, pois acudiu na súa defensa un hipnólogo francés, un tal Phillips, que dixo que era enfermo de licantropía e que non podía ser responsable dos seus actos. V. Risco recolle a opinión de que era amaneirado e recentes investigacións de X. Ramón Ferro apuntan a posibilidade de que Romasanta nacese muller.

O lobo branco
Na Limia, ver un lobo branco é agoiro ou sinal da morte dalgún veciño. A visión vese no mesmo lugar onde dous mozos de Nocedo, que regresaban de noite de ver as mozas en Fiestras, Xinzo, foron atacados por lobos. Mentres un dos rapaces foi buscar a axuda, o outro e mais un lobo morreron no combate.
Na Peneda dos Lobos, en Vila de Cruces, lugar de reunión de lobos, os veciños conseguiron matar todos os lobos reunidos agás un que resultou ser branco, e que ouvea alí todas as noites ata que sae o sol.

A muller-loba, Pepa a loba e a Raíña Lupa
Abunda máis do que puidera parecer a relación das mulleres co mundo mítico dos lobos. Sen saír de Galicia, refírense varios casos, todos imaxinarios, sobre o asunto.

Xesús Taboada Chivite, en Etnografía Galega, Cultura espiritual (1972) recrea unha lenda que titula “O lobo da xente”. Narra como un rapaz que atendía a seca das castañas nun sequeiro polos arredores do río Cabalar, queima o pelello de loba que vestía unha moza, obrigada por unha maldición a andar de muller-loba.

Outro caso ben coñecido é o de Pepa, a Loba, bandoleira mítica e imaxinaria, prototipo de muller fera e sanguinaria, capitá de bandoleiros. Houbo mulleres dedicadas ao roubo que se apuñan o pseudónimo de “Pepa, a Loba” para impresionar as vítimas.

E a Raíña Lupa, ou Raíña Loba, unha moura destacada, segundo o Códice Calixtino, que se resistía á chegada dos restos do apóstolo Santiago. Como o seu nome suxire, era malvada e contraria a implantación do cristianismo en Galicia.

Os nomes do home lobo
En Galicia hai varias maneiras de chamarlle aos licántropos: Lobishome, Home-lobo, Lobo da Xente, Lobushome, Lubisón, Loberno (mestura de lobo e raposo) e Corredores. Caso á parte é o dos Peeiros ou Peeiras, homes ou mulleres que non se transforman en lobos pero que viven con eles, e mesmo chegan a exercer de xefes da manda de lobos, sobre todo cando atacan a persoas.
Existen referencias a licántropos por todo o mundo cuxos nomes varían segundo a lingua desde os volkodlak (Rusia), werewolf (R. Unido), werwolf (Alemania), loup-garou (Francia), lobishome (Brasil, Portugal), lobizón (Arxentina), nagual (México)...

Destes bosquexos sobre as mil e unha facianas do mito do lobo, do lobo real e do lobo imaxinario, van tratar os especialistas que interveñen nestas II Xornadas de Literatura Oral.

O lobo, como personaxe literario e de ficción, desde Carrapuchiña e os contos populares ata os contos de lobos de Ánxel Fole; o lobo como tótem na mitoloxía popular do País Vasco, o lobo como vítima atrapada nos foxos do lobo, e o lobo que algúns humanos imaxinan que son cando se transforman en lobishomes como mito universal, mito recreado unha e mil veces na literatura e no cine.

Paralelamente e para non perder de vista o lobo, animal real, ADEGA, ERVA e AAAGP organizaron unha exposición baixo o título “O lobo, unha carreira pola supervivencia” que vai estar aberta na Sala de Exposicións da Deputación de Lugo desde o día 8 ata o 25 de outubro.

Pica aquí para ver o programa completo das xornadas.

16/10/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión