A música galega chega ao Womex 2009

Redacción

A música galega estará presente entre os próximos 28 de outubro e 1 de novembro no Womex, a máis importante feira de world music do circuíto internacional, que desenvolverá neses días en Copenhague a súa edición de 2009. Dez empresas discográficas, dúas asociacións profesionais e o apoio institucional da Consellería de Cultura e Turismo mediante a AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) despregarán na capital dinamarquesa todo o potencial dos artistas galegos actuais, identificados baixo a marca Galician Tunes, cunha estratexia dirixida fundamentalmente aos mercados europeos e latinoamericanos.

Ao encontro –no que este ano participan 3.000 axentes acreditados procedentes de 90 países– viaxan as compañías Falcatruada, Ouvirmos, Zouma Records, Berrogüetto Producións, Abada, Mare, Articket, Sul Produccións, Nordesía e Lóspregos. As dúas últimas disporán ademais de cadanseu espazo exclusivo. Xunto á representación institucional que encabezará o director da AGADIC, Juan Carlos Fernández Fasero, tamén estarán en Womex integrantes das dúas principais asociacións do sector: AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) e Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas), en quen recaeu a organización da participación galega no evento.

No Bella Center de Copenhague quedará instalado un amplo stand patrocinado pola AGADIC, desde o que se difundirá a marca Galician Tunes como principal reclamo co que se vén promovendo nos últimos anos o conxunto da música galega actual no exterior. Darase cobertura loxística a todas as empresas desprazadas e prestaranse servizos de tradución e de intermediación comercial.

Ademais do material promocional xenérico e do particular que acheguen as diferentes discográficas, a delegación galega distribuirá en Womex 09 un CD de audio cunha selección de temas interpretados por artistas galegos, tales como bOnOvO, Fía na Roca, Milladoiro, Berrogüetto, Nova Galega de Danza, Rosa Cedrón, Mercedes Peón, Uxía, Fran Pérez "Narf" & Manecas Costa, Hermanos Moreira, Orquestra Vigo 430, ISGA Collective, Donatore di Groove, Xosé Manuel Budiño, Cristina Pato & Mutenrohi ou Anxo Lorenzo. Tamén se inclúe unha promo de varios músicos baixo o título Rumbas, procedente da plataforma Descarga ao Vivo.

Repartirase así mesmo a guía Galician Festivals, que recolle a listaxe de festivais e ciclos de música galegos máis destacados, elaborada especificamente para a promoción internacional e a revista Ao Vivo Música, editada semestralmente pola AGADIC para a promoción dos grupos e solistas participantes na programación da Rede Galega de Música ao Vivo.

27/10/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión