No paseo dos soños

Xulio Xiz

O sábado, 24 de outubro, choveu todo o que había arriba almacenado e algo máis, vindo coincidir precisamente coa homenaxe que no Muíño do Rañego se lle rendeu ó escritor Xavier Puente Docampo, organizado por Xermolos e a Fundación Manuel María.

O caso é que, despois da mesa redonda de homenaxe fomos a inaugurar a estatua de Valdi que acredita esta homenaxe, e gracias que fun de ganchete con Gerardo Criado, o noso Alcalde, que levaba un paraugas da Fundación Terra Chá, que se non a auga vilalbesa houberame posto coma un pito.

Un dos que interviñeron indicou que en Vilalba chovía case sempre, cando non nevaba. E non ousei interrumpilo porque o tempo o sábado púxose a darlle a razón a quen non a ten, que non chove aquí máis ca noutros lados. E cando de Vilalba vin para Lugo, xa hai ben tempo, tiven ocasión de comprobar que falando de fríos e de auga Lugo queda tan ben como Vilalba.

Grans de arroz polo chan evidenciaban que no Muíño do Rañego casan os vilalbeses, e a curiosidade que moitos dos asistentes mostraban polos muíños evidenciaban o acerto do concello vilalbés en ter rescatado este conxunto etnográfico e monumental para garantir o seu futuro.

Ó mellor aínda hai vilalbeses que non saben que o paseo que desde o Rañego ata os Freires se chama “O Paseo dos soños”, e que nel vai colocándose cada ano un “hectómetro literario” en homenaxe a un escritor chairego. Eso a pesar de que, como me dixo o Alcalde, son moitos vilalbeses os que fan este paseo, andando ou correndo, á beira do río, imprescindible xa nestes tempos nos que se valoran – e se precisan – as camiñatas como remedio para coidar da saúde.

Desde o Rañego ata os Freires hai, aproximadamente, tres kilómetros. Contando a ida e a volta, dan para sesenta escritores e sesenta anos, polo que como xa levamos catro comenteille ó alcalde que nos quedan só para cincuenta e seis, tendo que pensar a ver que facemos despois.

De broma ou de veras, quedamos en pensalo, que tampouco se trata de poñerlle límites á Nai Natureza, e cincuenta e seis anos pasan en seguida.

Non son eu quen para recomendarlle ós que esto lean que camiñen polo “Paseo dos soños", que seguro todos o coñecedes mellor ca min, pero é o sitio perfecto para perderse sabendo que un ha encontrarse á ida ou á volta con xente coñecida, con amigos, coa natureza ou consigo mesmo.

Hai xa catro pequenos monumentos colocados que han chamar, sen dúbida, a atención dos camiñantes... Un deles homenaxea a Manuel María, lembrando a publicación da súa obra “Os soños na gaiola”, outro a Paco Martín e o seu libro “Das cousas de Ramón Lamote”. O terceiro é do vilalbés Agustín Fernández Paz, que este sábado tamén estivo no Rañego. E o cuarto e último, polo de agora, é o que destaca “O misterio das badaladas” e toda a obra de Xavier Puente Docampo, que naceu en Rábade, os pais eran da zona de Castro, e conta como ninguén os contos que foron e seguen a ser a alma da nosa terra.

Xa digo que no Rañego, choveu a Deus dar. Pero aínda así resultou un día cheo de calor, luminoso, cheo de esplendor.

E volveu tocar o tamboril un rapaz que se chama Avelino Pousa Antelo, que foi amigo de Castelao, tocou en orquestas, é historia viva de Galicia, ten unha cabeza que pensa clariño, clariño, e anda a celebrar os seus primeiros noventa e seis anos como se fose un mozo de vintetantos.

29 de out. de 2009

1 comentários :

  • Pareceme estupendo que se faigan este tipo de cousas no paseo, o que non me parece tan correcto e que se lle chame paseo dos soños cando o río está cheo de merda.
    Deberíase plantexar darlle oura forma ós monolitos que se colocan en cada hectómetro, e que estarían en perfecta comunión coa realidade do río, deberían tomar forma de tantos residuos como baixan polo treito do madalena:
    Compresas, preservativos, gasas, dodotis.
    Ahí queda a miña apreciación

    31 de outubro de 2009, 11:33

Danos a túa opinión