O muiño de Meira

Redacción

O muiño de Meira é unha infraestrutura que recibiu fortes inversións do anterior goberno bipartito na Xunta de Galiza de preto de 130.000 euros destinada ao seu equipamento outorgada pola Consellaría de Industria do anterior goberno, sen embargo, aínda permanece sen usarse malia estar lista para poñerse en funcionamento desde hai meses. Segundo parece este apoio económico para levar a cabo a rehabilitación do edificio do muíño fíxose baixo o compromiso do actual alcalde de Meira, de unha vez rematado, darlle un uso e difusión cultural e turística.

Por iso os concelleiros do BNG de Meira criticaron publicamente o que eles consideran unha “deixadez e inoperancia” do goberno local ao ter paralizada e sen plans de uso unha infraestrutura que se atopa rematada. O edificio conta ademais cunha cafetería e restaurante completamente equipados. Segundo explicou a portavoz municipal do BNG de Meira, María Vega, “esta parálise que ten sen uso o muíño do parque e o restaurante do mesmo edificio non se pode explicar de ningún xeito máis que pola inoperancia na xestión á que nos ten acostumado o goberno local”.

A portavoz deste partido en Meira, xunto con Xose Salgado, responsábel local, e Felipe Nieto, vicerresponsábel local, visitaron as instalacións e presentaron no Concello un escrito dirixido ao Alcalde preguntando polas intencións e plans de uso que o goberno local ten para ese edificio e que se defina de xeito exacto cal e a situación e estado do edificio e cales son os trámites que restan para a súa posta en funcionamento á maior brevidade. Sen dúbida a posta en funcionamento das instalacións traduciríase nun beneficio para o pobo e para as propias arcas municipais ao ingresar unha certa cantidade de diñeiro pola súa explotación.

01/10/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión