Puro Cora, unha biografía posible

Mario Paz González

Todo home é froito dun tempo, mais existen casos nos que esta certeza que ninguén ignora ven sendo máis evidente que noutros. O de Purificación de Cora y Más-Villafuerte ben podería ser un deles. A mención do seu nome achéganos a esa dobre vertente de, por unha banda, Gobernador Civil na España da Restauración, como activo militante dun liberalismo finisecular de estirpe monterista (por Montero Ríos) que hoxe nos resulta tan lonxano, e, por outro, a de fundador do diario lugués El Progreso. Ambas as dúas poderían ser etiquetas máis que suficientes para encher dúas liñas dunha campa de xeito ben cumprido. A primeira é, se cadra, máis agardable, pois a dedicación á vida pública e o desempeño de importantes postos na Administración era, naquel entón, o destino de moitos homes da súa condición que adoitaban non saírse moito dun guión escrito de antemán nun mundo onde a mobilidade social estaba sometida a unha rixidez que era o signo dos tempos. A segunda resulta máis sorprendente, se ben non deixa de ser certo que moitos xornais da época (e talvez aínda hoxe) xurdían como medio de expresión dunha tendencia política, ao servizo interesado dos seus fundadores.

Purificación de Cora y Más-Villafuerte naceu no pazo de Gradaílle da parroquia de Santa Cruz, no concello do Valadouro, o 2 de febreiro de 1858. Tras unha nenez no norte da provincia (o Valadouro, Viveiro ou Mondoñedo) a familia aséntase en Lugo. Logo duns anos de formación en Valladolid, onde coñece á súa dona Teresa Sabater Becerra, ingresa en 1881 como oficial de quinta clase da Facenda Pública. Iníciase, xa que logo, o limiar dunha andaina política que lle fai asumir unha morea de cargos na Coruña e Lugo, cidade na que a súa temperá inquietude o levará do Concello á Deputación. Os acontecementos familiares, uns ledos e outros luctuosos, enchen estes anos coma retallos dunha vida. Entre os primeiros, o nacemento dunha abundante prole. Dos segundos, quizais o máis terrible fora a morte da súa dona, aínda nova, en 1902, agre experiencia superada co apoio familiar e unha constante e vital actividade que o leva a implicarse máis, se cadra, no ambiente lugués como parte da xunta de goberno da Caixa de Aforros e Monte de Piedade, ou presidente do Casino de Cabaleiros e máis do Círculo de Belas Artes. Da man dos vaivéns propios do turnismo da Restauración, exercerá de Gobernador Civil de xeito discontinuo. Primeiro en Albacete, entre 1905 e 1907, período no que Montero Ríos preside o Consello de Ministros. Logo, co retorno en 1909 dos liberais ao poder, de novo en Albacete, pero tamén en Cidade Real e Cuenca. E mesmo, entre 1921 e 1927, ocupa en Córdoba a xefatura da Delegación de Facenda. Pero será no regreso a Lugo, nunha paréntese coincidente coa chegada do conservador Maura ao goberno, cando, xunto co avogado Fernando Pardo Suárez, proxecte o que será a cerna da súa biografía, a fundación dun xornal, “un instrumento que lle permita tomar partido nas liortas internas dos liberais lucenses”.

Nace así, no ano 1908 e ao abeiro da “lei Sagasta” de 1883, El Progreso, nun tempo no que existían en Lugo outros tres xornais aos que sobrevivirá o de don Puro, quen foi capaz (velaí o seu grande mérito) de albiscar os cambiantes gustos e tendencias dunha época inzada de convulsións na que a prensa ideolóxica ou de partido ía, como nos lembra o seu biógrafo Nicolás Vidal, “dando paso a un xornalismo de fasquía empresarial, como o que hoxe coñecemos”. Tamén, grazas ao desenvolvemento de novas estratexias fronte a uns competidores que se foron ensumindo pouco a pouco ata desaparecer: incluír máis ilustracións, adiantar a hora de saída, duplicar a edición diaria no período da Gran Guerra... Cómpre dicir que naquel primeiro terzo do século XX o descenso do analfabetismo permitiu a creación de moitas cabeceiras como, só en Lugo, El Regional, La Idea Moderna e o conservador El Norte de Galicia, sen contar algúns de antes e despois de 1908, entre eles o reaccionario La Voz de la Verdad, os republicanos Alborada e Vanguardia Gallega ou, sobre todo, semanarios e revistas xurdidos, uns e outras, nas décadas que seguiron, case sempre cun carácter cultural como ¡Ahora! (que cambiará nos anos trinta o seu nome polo de Guión), Yunque, La República... Entre todas elas destacaría Ronsel, dirixida por Evaristo Correa Calderón, e que contaba entre os seus colaboradores con Luís Pimentel, Manuel Antonio, Gómez de la Serna, Villar Ponte, Guillermo de Torre ou Castelao, entre outros.

Pero de todo isto e máis (como a traxectoria posterior do xornal), condimentado con algunha que outra anécdota (impagable algunha dos anos da guerra), dase boa conta nesta biografía escrita por Nicolás Vidal e que recibiu o “XXII Premio Literario Ánxel Fole” en 2008. Ao lela é doado comprobar como a singradura vital do seu fundador e a evolución do xornal están indisolublemente unidas entre si, pero tamén coa época que lles tocou en sorte, eses case corenta anos que transcorren desde a fundación de El Progreso até a morte de don Puro. Serán anos nos que, segundo Vidal, van “transcorrer unha serie de acontecementos que mudarán, en sucesión vertixinosa, o escenario político dun país en estado de efervescencia social”. Cóntasenos todo isto ademáis cunha narración de corte ensaístico de pulso firme, que consegue engaiolar sen esforzo ao lector. Se a elo engadimos o feito de seguir unha precisa e ampla documentación (como revelan as discretas citas ao pé de páxina e a abundante bibliografía final), temos dúas virtudes moi de agradecer nesta obra pois, como sinala Armando Requeixo no limiar, axúntanse nela “os coñecementos que se derivan da praxe xornalística e da teoría historiográfica, territorios ambos os dous nos que el [o autor] se move con demostrada competencia”. O libro, que inclúe abondosas fotografías na súa maioría do arquivo familiar dos Cora, non é só a historia do biografiado, senón que nel Nicolás Vidal vai tamén desenleando paseniñamente o nobelo dun lugar e dunha época, facendo un axustado percorrido por un mundo que ás veces semella tan lonxano, pero que, sorprendentemente, non deixa de atoparse, ao mesmo tempo, aínda tan perto de nós e mesmo da nosa realidade cotián.


mariopaz@avozdevilalba.com



Purificación de Cora y Más-Villafuerte,
da prensa de partido ao xornalismo como empresa.
Nicolás Vidal
Lugo: Fundación Caixa Galicia. 2009.
186 pp.


O acto de presentación do libro terá lugar hoxe
ás 20:00h. na sé da Fundación Caixa Galicia de Lugo,
na Praza de Santa María S/n. e contará coa presenza de
Xosé de Cora, Blanca Montenegro e o propio autor,
Nicolás Vidal, entre outros.

21/10/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión