Rehabilitación da Escola Habanera de Santaballa

Redacción

A vicepresidenta terceira da Deputación, María Xosé Vega Buján, informou, no transcurso da rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, da aprobación do convenio de colaboración entre esta institución e o Padroado Pro Escola de Santaballa para a realización das obras de acondicionamento da cuberta desta escola habanera situada na localidade de Vilalba. A Área de Cultura da Deputación subvencionará, con 57.408,84 euros, este proxecto de rehabilitación que tenta pórlle solución aos problemas acaecidos logo dos arranxos realizados na fachada e no tellado do edificio durante as últimas reformas. Alén disto, a nacionalista salientou que estes traballos de recuperación executados na Escola Habanera de Santaballa foron erróneos e que lle están a ocasionar serios problemas á estrutura do edificio tales coma desprazamentos nas paredes e gretas en cada unha das fachadas.

No que atinxe á Área de Deportes, Vega Buján informou da aprobación do convenio de colaboración que regulará os traballos de ampliación, drenaxe e rego do campo de fútbol municipal do Corgo por valor de 20.000 euros. Do mesmo xeito, a vicepresidenta terceira tamén deu conta da aprobación do aboamento das achegas dirixidas ás entidades deportivas lucenses co obxecto de subvencionar parte ou a totalidade do programa de actividades desenvolto en 2008. Tal e como salientou a nacionalista, a Deputación de Lugo destinará finalmente 41.781,50 euros a un total de 26 clubs, sociedades ou agrupacións deportivas que desenvolveron a súa actividade formativa e/ou lúdica nas distintas comarcas lucenses.


02/10/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión