Vídeo: Vilalba nos anos 70

Redacción

Xa se comentou aquí noutras ocasións o grande labor de recuperación que o Instituto de Estudo Chairegos anda a facer do patrimonio cultural no que atinxe a os eidos literario, histórico e gráfico da Chaira. Levando a cabo a edición (ou reedición) de estudos ou textos de referencia para o coñecemento desta pequena bisbarra galega. No que atinxe á recuperación dos fondos gráficos (fundamentalmente de orixe privado) o seu labor non admite dúbidas e os seus froitos vanse plasmando ano tras ano nas mostras aglutinadas baixo o título xenérico de "Tal como éramos".

Por iso, A Voz de Vilalba tamén tenta colaborar nesa labor de recuperación amosando algúns documentos sonoros ou audiovisiais que lectores ou colaboradores deste medio teñen a amabiilidade de ceder e que se van incorporando na sección de "Multimedia", no menú superior (en concreto nos apartados "Descargas" e "Vídeos"). Se non hai moito se amosou un interesante vídeo dunha das primeiras actuacións da Banda de Vilalba (a comezos dos noventa), agora ofrécese outro, tamén gravado (nesta ocasión nos anos setenta) por un videoaficionado. Máis aló da calidade da imaxe, máis aló da virtude técnica, estes documentos resultan interesantes como reconstrucción da nosa pequena memoria histórica, como lembranza dun tempo, como todos, perecedeiro. Neste senso, pódese apreciar neste vídeo a evolución da vila desde aquela, hai case xa corenta anos. Chama a atención en boa medida a imaxe da antiga Praza da Constitución, antes da polémica reforma dos anos oitenta. Tamén a Praza do Coronel Pena e os seus arredores e, en xeral, o escaso número de vehículos e a presenza dalgúns edificios hoxe desaparecidos.

En fin, desfruten do visionado e da música de Xorima que acompaña a estas imaxes.



Piquen aquí ou na imaxe para acceder á nosa canle de Youtube.

12/10/2009

1 comentários :

Danos a túa opinión