A Agadic invirte na Feira Galega das Artes Escénicas

Redacción

A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) investirá un total de 129.750 € na distribución dos 14 espectáculos galegos de teatro e danza que foron contratados por redes, festivais e espazos escénicos doutras comunidades autónomas e de Portugal no marco da pasada edición da Feira Galega das Artes Escénicas. Segundo o balance definitivo de contratación exterior, serán 99 as funcións de compañías galegas que se desenvolverán durante 2010 en Andalucía, Aragón, Comunidade Valenciana, Castela-A Mancha, Castela e Léon, Euscadi, Madrid, Murcia e Navarra e nas localidades portuguesas de Abrantes, Águeda, Estarreja, Moita e Palmela.

Con motivo da celebración da Feira, as correspondentes entidades contratantes puideron acollerse ao programa de bonificacións á distribución exterior, de acordo co que a AGADIC achega un 40 por cento do caché dos espectáculos seleccionados para a súa exhibición fóra de Galicia. A Comunidade de Castela-A Mancha destaca entre os destinos das producións galegas, cun total de 35 representacións, seguida de Madrid con 24, Portugal con 13 e Euscadi con 10.

Canto a xéneros, o teatro para público infantil sitúase á cabeza en volume de contratación, cun total de 70 funcións a cargo das compañías Títeres Trompicallo, Galitoon Productions, Producións A Contrabutaca, Sarabela Teatro, O Retrete de Dorian Gray, Caramuxo Teatro e Berrobambán. Entremans e Cía. Quique Peón en danza, e Teatro do Noroeste, Teatro do Morcego, Mofa e Befa e Nut Teatro en teatro para público adulto completan a listaxe das 13 compañías que actuarán en diferentes espazos da Península a raíz dos contactos establecidos durante a décimo sétima edición da Feira Galega das Artes Escénicas.

En concreto, Trompicallo pechou 26 funcións de Violeta Coletas contra as salchichas. Gulp! coas redes de teatros de Castela-A Mancha e Euscadi; Producións Acontrabutaca ofrecerá 16 representacións de A horta animada en diferentes escenarios de Andalucía, Comunidade Valenciana, Madrid e Navarra; a compañía de danza Entremans, 15 do espectáculo Concerto desconcerto en Castela-A Mancha e outras 4 no País Vasco (Amorebieta, Durango, Elorrio e Leioa); Sarabela Teatro, 12 de Cósima no Festival Teatralia que se desenvolve en diferentes escenarios da Comunidade de Madrid; Caramuxo Teatro, 5 de Zapatos no Centro Escénico Pupaclown de Murcia; Teatro do Morcego, 2 do seu Lazarillo de Tormes no Festival de Teatro Clásico de Alcalá de Henares; e Teatro do Noroeste, 4 de Glass City (Cidade de Cristal) no Teatro Principal de Zaragoza e 1 no Ayuntamiento de Cigales (Castela-León), que tamén contratou unha representación de Mofa e Befa con Shakespeare para ignorantes.

En Portugal, actuarán as compañías O Retrete de Dorian Gray con 4 funcións de Rúa Aire, Galitoon Productions con 5 de Babiliglub e 1 de Rosalía a pulga que escribía, Berrobambán con 1 de Bicharada, Nut Teatro con 1 de Wake Up, e Quique Peón con 1 de Ovay.

A este balance haberá que engadir así mesmo as representacións concertadas cos programadores galegos asistentes, que se materializarán fundamentalmente nas programacións de 2010 da Rede Galega de Teatros e Auditorios e da Rede Galega de Salas.

Organizada pola AGADIC, a XVII Feira Galega das Artes Escénicas acolleu entre o 19 e o 23 de outubro a representación de 20 espectáculos galegos (11 de teatro para adultos, seis de teatro para público infantil e tres de danza) en cinco espazos de Santiago, que foron seguidos por un total de 3.510 espectadores entre profesionais acreditados e público xeral.

10/11/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión