ÁGORA: electroencefalograma vivo

Fermín Bouza

Unha película que non ten o electroencefalograma plano sempre é unha boa noticia, aínda que non guste á crítica. Carlos Boyero é un magnífico crítico, pero é un pouco irado tamén. Non é o único. A crítica en xeral dá para esa clase de tipos humanos (non me parece o caso de Boyero, que quede claro) que cho vomitan todo por riba porque lles pegou a súa nai hai trinta anos e hai que aguantarse. Si no canto de críticos fosen policías ou militares estabamos perdidos. Non, Boyero é un bo crítico, incluso un crítico excepcional ao que se lle nota todo aquel mundo do cinema-clubes e os colexios maiores máis activos, un mundo que hoxe resulta culturalmente exquisito.

Boyero dicía hai uns días da película de Amenábar (na SER) que era unha película perfecta, en certo xeito, pero que non emocionaba. Non lle gustou. É certo: é unha película fría cunha cámara que ás veces é maxistral. É fría: conta unha historia moi penosa e só a conta, nunca dá a impresión de pronunciarse: é fría, non emociona, e nese sentido, e sen entrar en si debese ser quente e emocionar, nese sentido, digo, Boyero ten razón. Pero ten unha grandeza infrecuente a estas alturas da historia: expón un problema intelectual grave, profundo e molesto: o Cristianismo, como calquera outra ideoloxía e/ou relixión, en canto chegou ao poder adicouse a matar, torturar, linchar e encarcerar. Como fixeron todos ou case todos, que sempre hai excepcións. E expón ese problema cuns medios espléndidos e cun bo traballo en xeral. Por momentos aburre, noutros engancha, e sempre fai a un mirar a paisaxe do escenario, que é excelente.

Gañar unha guerra ou unha loita desta clase é garantirse a adhesión, non só dos que che fixeron compaña nesa loita, senón de toda clase de lerchas que se soben ao teu carro para roubar, matar, delatar... Neste país ocorreu tras a guerra civil, na que tamén xentes que viñan sendo de ideas progresistas, republicanas, nacionalistas ou o que fóra, pasáronse ao inimigo e non dubidaron en exercer a delación que levou a moitas persoas á morte, ao castigo, á expulsión da súa carreira, á persecución para sempre, etc. E algúns aínda seguen acirrando estas cousas, estas calumnias, colaborando activamente con aquel horror que foi o fascismo. Aínda hoxe.

Deberiamos ver ÁGORA como un relato sobre a condición humana: sempre acabamos queimando ou arruinando a Biblioteca de Alexandría, ou delatando e matando? Sempre? Non sempre. Ás veces mesmo construímos e defendemos cousas dignas. Non podo deixar de citalo: por exemplo, a nosa lingua galega, a piques de desaparecer. Pero isto non é Alexandría nin somos atacados polos cristiáns iniciais, apenas polos burócratas, os descendentes daquela afastada jauría e os seus colaboradores activos. Venceremos.

11 de nov. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión