Cineuropa 2009

Redacción

Con novembro chega, como cada ano, Cineuropa. Aquí está de novo o festival, cumprindo xa nada menos que 23 edicións. Cineuropa é o máis importante encontro de cinema de Compostela e un dos principias de Galicia. O esquema de festival non competitivo está perfectamente consolidado nunha cidade que todos os novembros vibra ao ritmo das bobinas cinematográficas.

Nesta ocasión, Cineuropa trae máis de 160 filmes que poderás ver desde o 4 de novembro ata o 2 de decembro en catro salas diferentes da cidade. Cinema chegado desde todas as partes do mundo e cinema feito aquí, no noso país. E sempre cinema comprometido e de calidade, que che fará mergullarte noutras culturas e coñecer de preto outras realidades para teres unha visión máis ampla do mundo.

Cineuropa volve achegar máis de cen filmes a catro salas distintas da cidade: Teatro Principal, Salón Teatro, Aula Sociocultural Caixa Galicia e sede da Fundación Caixa Galicia. E con todas as vantaxes para o público: abonos para que a asistencia poida saír aínda máis económica e venda de entradas a través da web de Caixa Galicia.

Ademais, como cada ano, o evento premia a dous persoeiros relevantes no mundo do cinema internacional: Fernando Trueba, gañador dun Óscar e que este ano repite nesa cerimonia co filme O baile da vitoria, que se estrea en Cineuropa; e Mabel Rivera, actriz galega comprometida e preocupada polas situacións inxustas que percibe ao seu redor. Pero esta edición é tamén a da música, a palabra e a historia. Da man do cinema has escoitar os Beatles, achegarte á Transición en Galiza, bailar coa banda dos Crebinsky…

Pica aquí para obter as entradas na web de Caixa Galicia.
Pica aquí para descargarte o programa.

03/11/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión