Inauguración da Aula Aberta da Fundación 'La Rosaleda'

Redacción

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, será o encargado de inaugurar este mércores o novo curso da Fundación La Rosaleda. O titular do Goberno galego impartirá unha conferencia baixo o título “2010: unha oportunidade para Galicia”. O acto enmárcase dentro dos ciclos de actividades non médicas Aula Aberta e Xoves Culturais polos que pasaron nos últimos anos destacadas personalidades do mundo empresarial, cultural e político, como o magnate mexicano Olegario Vázquez Raña, o vicepresidente primeiro de Unión Fenosa, Honorato López Isla, o almirante José Ángel Sande Cortizo, o hostaleiro Belarmino Fernández Iglesias, o premio nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2006, Antonio Rodríguez Almodóvar, ou Julio Fernández Gayoso, presidente de Caixanova, entidade que colabora na organización destes ciclos.

A inauguración, na que participará tamén o presidente da Fundación La Rosaleda e ex presidente da Xunta de Galicia, Gerardo Fernández Albor, contará coa presenza de numerosas personalidades da vida política, cultural e social de Galicia que confirmaron a súa asistencia a este acto que terá lugar o mércores, 11 de novembro, ás 20 horas, na capela real do Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela.

10/11/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión