Lingua de liberdade en Compostela


Redacción

Esta mañá tivo lugar no Teatro Principal de Compostela o acto “Lingua de liberdade”, organizado pola plataforma cívica Galego, patrimonio da Humanidade, que contou coa presenza de representantes de grande parte da sociedade galega (actores, sindicalistas, profesionais liberais, xornalistas, escritores, docentes, funcionarios…) e recolleu a testemuña da histórica manifestación a prol do idioma que percorreu as rúas de Santiago o pasado 18 de outubro. O acto estivo conducido polo actor Cándido Pazó -na fotografía-, que o definiu como "comicio, que non mítin" e ao principio e remate do mesmo estivo amenizado por Roi Casal e a súa banda. O profesor Henrique Monteagudo e o sociólogo Fermín Bouza, en nome do colectivo, salientaron o carácter plural da iniciativa e na necesidade de colaborar con outras plataformas nadas co mesmo obxectivo, como Prolingua ou Queremos Galego.

O presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares; o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro; a escritora Marilar Alexandre; o artista multimedia Antón Reixa; a actriz Tamara Canosa e o escritor Antón Baamonde -colaborador de A Voz de Vilalba- foron algúns dos persoeiros do mundo da cultura que acudiron. Non estiveron presentes, pero si remitiron a súa adhesión, os directores da editorial Galaxia, Vítor Freixanes e de Edicións Xerais, Manuel Bragado.

Por parte do PSdeG-PSOE estiveron presentes, entre outros, os deputados Xaquín Fernández Leiceaga e Francisco Cerviño; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Antonio Fernández Castro. No que se refire ao BNG, contouse coa presenza de Carme Adán, Encarna Otero e Pablo González Mariñas.

14/11/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión