O director da CRTVG, novo presidente da FORTA


Redacción

Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da Compañía Radio-Televisión de Galicia (CRTVG) tomou posesión o pasado xoves día 12 da presidencia da Federación de Organismos ou Entidades de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA), no decurso dunha reunión da Xunta Xeral desta Federación na que as televisións autonómicas defenderon a lexitimidade do sistema mixto de financiamento. Sánchez Izquierdo asume este cargo por un período de seis meses e releva a Guillermo García, director xeral do Ente Público Radiotelevisión Canaria (RTVC).

Na súa reunión, a Xunta Xeral de FORTA puxo de relevo a función das televisións autonómicas como servizo público, en tanto que dinamizan a vida pública e son promotoras da identidade, cultura e costumes, economía e vida social dunha comunidade. Tamén deixou patente respaldo ao sistema mixto de financiamento que caracteriza a todas as televisións autonómicas, como expresión lexítima dun modelo comunicativo de convivencia e complementariedade baseado no respecto aos criterios de elección dos anunciantes, que poden adaptar os seus contidos a públicos locais e rexionais, e da audiencia, que multiplica as súas posibilidades de elección.

O novo presidente e a Xunta Xeral da Federación expresaron a vontade de manter e reforzar a unidade de acción e cooperación entre as Radios e as Televisións Autonómicas, en liña cos obxectivos fundacionais de FORTA e coa actual situación do mercado audiovisual.

Entre outros asuntos, analizouse o Proxecto de Lei Xeral da Comunicación Audiovisual, que xerou gran inquietude por excluír ás televisións públicas -estatal e autonómicas- da posibilidade de computar o seu investimento para o financiamento da produción europea de películas e series para televisión, documentais e produtos de animación, a efectos da obrigación do 6% prevista no Proxecto de Lei, restrinxíndose dita contribución ao financiamento de películas cinematográficas (longametraxes e curtametraxes).

A FORTA, creada en 1989, está integrada actualmente polos organismos de Radio e Televisión Autonómicos de Andalucía, Cataluña, Madrid, Comunidade Valenciana, Galicia, Euskadi, Canarias, Castela-A Mancha, Rexión de Murcia, Aragón, Principado de Asturias e Illes Balears.

17 de nov. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión