Onde o mundo se chama dignidade

Baldo Ramos

A dignidade dun pobo calíbrase pola capacidade que ten de deixar en herdanza un futuro sen hipotecas.

E o futuro dos pobos que non senten vergoña do seu pasado é o futuro que se crea dende a fidelidade á súa historia.

Ser fiel á nosa historia supón, primeiro, coñecela, e a seguir facer todo o posíbel por divulgala e conservala.

Teño para min que, nos tempos que corren, conservar xa non é a ideoloxía que inspira aos conservadores.

Agora os conservadores prefiren esquecer, cando non directamente ignorar
Ignoran o seu patrimonio e esquecen dignificalo e enriquecelo. Hipotecan o futuro que non lles pertence, o futuro no que nunca creron, porque nunca demostraron ter unha visión madura e consistente de país. Gobernan para perpetuarse na ambición e pasan por alto –quizais por falta de cultura democrática, máis que por incompetencia– a maneira de paliar as necesidades daqueles que lles outorgaron un voto de confianza.

E isto, nun país coma Galicia, que custodia unha historia de resistencia e de constancia na súa identidade –nunca desenvolvida plenamente– é o preámbulo dun destino que as xeracións futuras –as que teñan que facer memoria desa herdanza común que chamamos patrimonio– non han saber asimilar, e do que han responsabilizar a todos aqueles que tivemos nas nosas mans o seu remedio.

Que Celanova é unha das vilas máis fermosas de Galicia sabémolo todos. E que é unha das vilas que menos desenvolveu as súas potencialidades culturais e turísticas resulta aínda máis evidente.

Eu, que vivo dende hai 21 anos nunha das cidades máis conscientes do seu patrimonio, como é Santiago de Compostela, que soubo acompasar os seus intereses económicos á súa circunstancia histórica, sempre dende o respecto e a posta en valor do seu inmenso capital turístico, relixioso e cultural, non deixo de sorprenderme con iniciativas como esta que hoxe nos une aquí coa finalidade de conter a hemorraxia de despropósitos que teño oído nos últimos tempos sobre a entelequia especulativa que o concello pretende arbitrar cun ben de interese público e patrimonial como é o mosteiro de Celanova.

Haberá algún inxenuo que pense que nunha cidade como Compostela o motor turístico e
económico puido ser nalgún momento o Hostal dos Reis Católicos ou calquera outra empresa de hostalería situada na cidade?

Pregúntome como é posíbel pensar no futuro económico e turístico dunha vila como Celanova sen ter feito un estudo planificado, integral e contextualizador das súas necesidades e das posibilidades reais e contrastadas para a súa concreción.

Un proxecto coma este, que afecta non só a un pobo, senón a toda a comunidade galega,debería ser un proxecto público, consensuado e integrador. E de non se facer así, deberemos pensar que a iniciativa non é transparente nin beneficia os interesas xerais dos seus veciños.

É coherente que nunha vila como esta, onde non hai ningún tipo de oferta hostaleira, se conciba un proxecto tan afastado da súa realidade e das súas carencias? É razoábel que se pense en facer nun contexto sociolóxico no que o visitante que se move por intereses culturais ou relixiosos –que é o visitante que aquí se esperaría– reclama hoxe un tipo de hospedaxe que as axencias cualifican como “hotel pequeno e con encanto”, que é, por certo, o modelo hoteleiro que nos últimos anos ten éxito en destinos culturais como Santiago, Córdoba ou Toledo.

E por que, nunha vila tan necesitada de iniciativas creativas, de proxectos de futuro, de construír en definitiva, se propón destruír o que xa está feito: o noso instituto?

O instituto no que eu estudei non é só un centro de ensino que segue a xerar a maior riqueza á que un pobo pode aspirar (a formación e a cultura), senón que é un modelo de reconstrución que no seu día foi recoñecido co premio Europa Nostra.

E esa reconstrución, coherente coa historia deste edificio, é a nosa obriga respectala e conservala. E máis cando segue a dar o uso para o que foi concibida.

Quen non pasou por estas aulas ou carece da máis mínima sensibilidade para concordar coa indignación que inspira estas miñas palabras, dirá que esa mesma tarefa de formación podería facerse nun deses institutos de nova construción que uniformizan os espazos.

Pasar por estas aulas, por esta biblioteca, por estes corredores foi para min un dos maiores galanos que me ten feito a vida. É máis: estou convencido de que sen a fortuna que tiven de compartir cos meus compañeiros nestas dependencias centos de horas de estudo, de amizade, de descubertas durante catro inesquecíbeis anos da miña mocidade e formación, eu non tería aprendido o que é escribir dende a fidelidade a unha orixe e á estirpe de homes como Curros ou Celso Emilio.

Nesas aulas, nesa biblioteca, en tantos recunchos dese claustro escribín os meus primeiros poemas co convencemento de que o estaba a facer nun lugar privilexiado, no instituto máis fermoso que existe hoxe en Galicia –daquela aínda non era consciente disto– e nun dos poucos centros educativos de España –quizais comparábel só ao instituto Ramón Olleros Gregorio de Béjar, en Salamanca– que concilian dun xeito natural e exemplar a arquitectura co saber, a historia dun pobo coa esperanza de que os seus fillos sintan orgullo das súas raiceiras e constrúan un porvir que estea á altura do seu legado.

Cando no seu día o concello de Celanova xestionou intelixente e coherentemente a restauración da casa paterna de Curros e a converteu nun museo que divulga e promociona as traxectorias literarias dos autores que naceron nesta vila, todos os que sentimos Celanova coma un río que atravesa as nosas vidas, soubemos que se trataba dun traballo ben feito e imprescindíbel, porque se estaba sendo fiel a un patrimonio literario que pedía a súa conservación e dignificación.

Aceptaría algún veciño –por moitos ingresos que lle xerara a unha empresa privada a súa explotación– que ese edificio fora entregado en poxa pública para ubicar nel un hotel ou cousa semellante?

Pois como é posíbel concibir que o corazón polo que latexa toda a historia deste solar que San Rosendo chamou Villare e que se converteu cos anos neste impoñente conxunto monumental poida ser arrebatado a un pobo coa finalidade de poñelo en mans dunha empresa privada foránea que fará del un edificio sen memoria, sen a identidade coa que chegou a nós e non fomos quen de conservar?

Como estou convencido de que o pobo no que aprendín as cousas máis importantes desta vida non vai permitir que isto pase, e que vai estar á altura da súa xinea, comparto estas humildes palabras con vós, unhas palabras que respiran polas bocas das gárgolas que vixían, ameazantes, os pasos de todos aqueles que pretenden traizoar a súa memoria e o seu futuro.


13/11/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión