Os materiais curriculares en Galicia

Redacción

Nas páxinas deste libro, froito da tese de doutoramento do autor, o lector atopará unha aproximación á opinión do profesorado para dar a coñecer as súas valoracións acerca dos recursos e materiais pensados para o seu uso. Trátase, en opinión do profesor Rodríguez, dunha cuestión de especial relevancia na medida en que os materiais didácticos en formato impreso, “e dun xeito especial os libros de texto”, continúan a ser un dos principais recursos para a tarefa docente do profesorado, “se non o principal recurso en moitos casos”.

Tras revisar as diferentes medidas acerca do que se espera sobre os materiais no contexto educativo actual e de ter presente as diferentes perspectivas de investigación que se teñen desenvolvido no contexto galego, a obra enche un baleiro non atendido por traballos previos, explica Jesús Rodríguez.

Para o desenvolvemento da investigación, realizouse un estudo descritivo na provincia da Coruña a través da aplicación dun cuestionario de opinión a unha mostra de 383 profesores de Primaria pertencentes a centros públicos, privados, concertados e escolas unitarias. As dimensións obxecto de análise estiveron referidas ao grao de coñecemento dos documentos normativos, suficiencia dos novos materiais curriculares impresos, características e uso que se lle daba, formación do profesorado e actividades desenvolvidas no centro relacionadas co materiais curriculares.

O profesor Rodríguez considera que os resultados e valoracións agora publicados “poden constituírse nun apoio valioso para os distintos colectivos que desexen coñecer o que acontece na práctica educativa cos materiais e tamén para as institucións e profesionais que teñen que tomar decisións sobre os mesmos”.

Na súa estrutura, o libro articúlase en catro capítulos nos que se profunda na ‘Reforma educativa, profesorado e materiais curriculares impresos’, o ‘Deseño e planificación do proceso empírico da investigación’, ‘Análise e discusión dos resultados’, para rematar co capítulo ‘Unha proposta para a mellora dos procesos de análise, elaboración, selección e utilización dos materiais curriculares’.

Jesús Rodríguez é doutor en Filosofía e Ciencias da Educación coa tese ‘Os materiais curriculares e a Reforma Educativa en Galicia’, Premio Nacional de Investigación. As súas liñas de investigación céntranse nos materiais e recursos didácticos en soporte impreso e dixital. Participou en proxectos no estranxeiro, exercendo a docencia na Universidade de Porto Rico. Ademais é membro de Nova Escola Galega, director da Revista Galega de Educación, directivo da International Association for Research on Textbooks and Educational Media (IARTEM) integrante do grupo de investigación Stellae e vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación da USC.

Os materiais curriculares en Galicia
Xesús Rodríguez Rodríguez
Vigo: Xerais. 2009


03/11/2009

0 comentários :

Danos a túa opinión